PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

VAI DE MORTO QUEN NON FOI DE VIVO


O Santuario de San Andrés de Teixido atópase na vertente occidental do Cabo Ortegal. Conta con múltiples visitas ao longo de todo o ano, en maior medida as fins de semana, e que se acrecentan no verán.
Trátase dun destino obrigado se vostede se decide por visitar a nosa zona.
Así o describía Don Federico Maciñeira Pardo de Lama na súa obra San Andrés de Teixido: historia, leyendas y tradiciones: “El retirado y agreste lugar denominado Teixido, escondido entre altos picachos, rocas resquebrajadas y malezas, donde la modesta ermita de San Andrés tiene su asiento, produce muy intensa sensación de sorpresa por lo abrupto y por la belleza ruda y selvática de aquel profundo socavón telúrico coronado de altivos riscos, que flanquean enormes acantilados, y abierto al turbulento Atlántico a manera de grandioso anfiteatro”. A vila de San Andrés de Teixido pertence ao Concello de Cedeira, alí onde limita, ao norte, co Concello de Cariño, que hai anos formaba parte do termo municipal ortegano. É un lugar de romaxes de peregrinos de toda Galicia, uns achéganse por devoción ao Santo, outros por superstición e os demais por aprezar a beleza natural do entorno. É un lugar espectacular!. Se tomamos a estrada desde o Concello de Cariño, deberemos facer algunha que outra paradiña no camiño. A primeira que propoñemos é o Cabo Ortegal, que conta cun excelente mirador cara ao Océano Atlántico, a onde se pode acceder en coche. Uns quilómetros máis de ascenso e deberemos deternos na denominada Vixía da Herbeira. Alí, estacionaremos o vehículo na propia estrada, a carón dun parque eólico e camiñanermos un anaquiño para atoparnos cunha garita de pedra que conta cun excelente mirador. A súa particularidade e o seu interese radica en que se trata dos acantilados máis altos de toda Europa, ou iso se di, e eu creoo ben. Na garita da Herbeira disfrutaremos coa inmensidade da terra e do mar, poderemos ver barcos minusculizados pola altura das penas , cabalos salvaxes que, en irrisorias leiras de pasto, se alimentan dunha herba peiteada polo vento que se confunde coas súas crines descuidadas.

Despois de disfrutar uns intres neste lugar, volvemos ao coche para tomar camiño á vila de Santo Andrés. Trátase dunha pequena aldea con moi poucos veciños, a maioría da terceira idade, algunha que outra baiuca con carteis anunciando a posibilidade de consumir percebes, algunhas casas arranxadas e restauradas, pero moitas delas deixadas da man de Deus, cun can que latrica á porta e que pasa a vida encadeado. Cando un comeza o camiño a pé cara ao Santuario, sentirase interrompido polas persoas do lugar, vendedores profesionais de obxectos - figuras feitas en pan e coloreadas (sanandresiños, representativos da romaría), herba de namorar (contra os males de amores), velas para levar á Igrexa, bruxas da sorte, camisetas- que lle ofertarán a súa mercancía e o saudarán moi educadamente ou vacas pacendo libremente ausentes ante a nosa presencia. Visitaremos a Ermida na que destacan, entre outros, a imaxe do Santo e os exvotos ou figuras feitas con cera que son ofrendas que os fieis depositan como agradecemento a un don ou curación.
Despois de visitar a Ermida baixaremos cara a unha fonte con tres canos á que se lle consulta se o Santo concederá ou non aquilo que se lle pide.
Por que tanto interese en ir a San Andrés de Teixido?
A lenda conta que Santo Andrés se celaba con Santiago O Maior pois este último recibía moitas peregrinacións e o primeiro non. Deus, ante as súas queixas contestoulle que non se preocupase, e que aquelas persoas que non fosen en peregrinación a Santo Andrés de vivos, irían obrigatoriamente de mortos, e convertidos en animais.

Fotografías realizadas por Ricardo Almisas e Patricia Varela. Grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario