PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

LOIBA



Loiba é unha aldea que pertence, tamén, ao Concello de Ortigueira. Está a 5 minutos en coche desde Ladrido segundo se circula en dirección Ortigueira-Viveiro pola estrada AC-862.
A primeira impresión é a dunha recta con casas sen ningún interese turístico aparente, que calquera visitante da zona pouco curioso sortearía sen máis.
Nós recomendámoslle que se se atopan en Loiba, tomen o desvío cara á Praia do Picón , e daranse conta de que existe un territorio salpicado de pequenas casas unifamiliares cun asentamento típico de moitas aldeas galegas. Isto é, non ten un centro claramente definido, existen pequenos agrupamentos de casas, tamén chamados lugares, pero todos eles conforman unha mesma parroquia e pertencen ao mesmo concello -neste caso o de Ortigueira- que outras parroquias como Ladrido, Espasante, O Mosteiro, San Clodio etc.
Dicimos isto porque a moitos turistas cos que falamos que non son galegos (casteláns, andaluces, valencianos ou cataláns) chámalles a atención a maneira en que está conformado o territorio rural galego, que é a maior parte. Pois nós dirémoslles que tradicionalmente a aldea vén sendo como o "pueblo" o "pequeña villa" para os casteláns, e o lugar unha especie de "barrio".
Cremos que Loiba aínda conserva todo o sabor da idiosincrasia galega cunha maneira particular de entender o mundo que vén determinada, tamén, pola disposición do territorio.


Ben dicía Castelao en Sempre en Galiza, facendo referencia á disposición do territorio galego:
"As casas aldeáns, espalladas, forman un grupo natural de poucos habitantes, chamado lugar. alí son veciños de verdade: préstanse lume, axúdanse, aconséllanse [...]
Os lugares, espallados, compoñen un agrupamento que se chama parroquia. Esta entidade é o antigo clan dos celtas, anterior á invasión dos románs e máis vello que o cristianismo. Chámase parroquia ou feligresía porque a Eirexa procurou asentarse en realidades terreas e o Estado anda polo ceo das abstraicións. Os lugares comunícanse coa Igrexa parroquial por camiños, vereas e corredoiras, por onde vai e ven a ledicia das festas e a tristura dos enterros.[...] O adro da Eirexa é o Concello natural de Galiza. Alí xúntanse todol-os veciños na mañán dos domingos, para trataren os seus asuntos, aínda que non vaian á misa."



Ademais de todos estes atractivos de Loiba, existe unha parte costeira chea de praias e acantilados que cómpre coñecer se vostede pasa por esa fermosa aldea onde as mulleres aínda continúan a recoller algazo á man, subindoo por pequenos camiños encostados en paxes que cargan nos burros. Dicimos mulleres, si!, porque a muller foi e, se cadra, segue a ser o centro na sociedade rural galega que desempeñaba e, se cadra, segue a desempeñar unha labor moi pouco recoñecida.
No domingo 18 de outubro de 2009 aparecía en La Voz de Galicia, unha reportaxe sobre os acantilados de Loiba nunha sección titulada La Galicia bonita. Nós recomendámoslles que observen as fotografías se queren coñecer mellor a nosa zona, pero igualmente lles indicamos que non esquezan que nelas, hai algo máis ca mera paisaxe digna de calquera cámara fotográfica, pois cada pedra, cada camiño, cada onda do mar está cargada de significación para os que habitamos este lugar.

Se pasa por alí e decide deterse, non se quede unicamente coas imaxes para introducir no disco duro do seu ordenador. Fale coa xente e verá como lle contan vivencias interesantísimas, en galego, mentres apañan cimós ou cola de espicha na leira familiar.

Entón, as súas vacacións serán inesquecibles!


Fotografía: Diego Vázquez Lagares. Igrexa de San Xulián de Loiba.
Texto: Luís Yáñez Fraguela.