PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

MOMENTOS VALCÁRCEL



Pois resulta que nesta ponte da Constitución, convidados por uns amigos madrileños, decidimos visitar Madrid.
Mentres a filla destes amigos asistía a uns talleres infantís de pintura no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, unha guía percorría cos pais, e tamén os amigos dos pais -que eramos nós- algunhas das salas explicando, como é obvio, as pinturas e esculturas dos fondos permanentes que a entidade posúe, xa saben: Picasso, Miró, Dalí…
Ao finalizar o traxecto, e como broche final, a guía, presentándonos esta última parada como algo extraordinario, decidiu levarnos aos sotos do museo, en concreto ás “carboneras”, para presentarnos a obra dun artista murciano chamado Isidoro Valcárcel Medina.
O lugar, marabilloso, custodiado por un garda de seguridade, iso si, consistía nun espazo diáfano con un par de lámparas de pé acesas en cada extremo.
O que máis e o que menos preguntábase: E esta muller a que nos trouxo aquí? Seguramente para ver as “carboneras”. Nós, evidentemente, estabamos encantados de poder pisar un lugar no que pouca xente desde que o museo é museo puidera estar. Pero tamén nos preguntabamos onde se atopaba a exposición do tal Valcárcel. “En fin, agardaremos un pouco que seguro que hai outra sala adxacente con obras deste autor”.
Ao poñérmonos todos en corro para escoitar á guía a nosa sorpresa foi que o espazo diáfano no que nos atopábamos era a obra do propio autor.
Entón é cando entendes a arte como aquilo que che produce placer, neste caso, o feito de atopármonos no medio daqueles muros antigos, nun espazo íntimo, situados en corro, ollándonos entre descoñecidos e reflexionando coa guía sobre o concepto arte. Que é a arte? O pracer de ver o Guernica é maior ca o pracer de estar agradablemente parrafeando cuns amigos? Realmente as obras que acabo de ver son arte ou estanme a vacilar?
Ao saírmos do lugar, as coñas empezaron a aflorar e ao meu amigo Luis dáballe a risa mentres me dicía: “Esto si que es ser listo, ser capaz de vender lo inmaterial, el hecho de darte el toque en la cabeza y de decirte, Eh! Tio! Disfruta de esos pequeños momentos que te regala la vida, que son puro arte”.
Ao día seguinte fomos dar un paseo polo Parque do Retiro e a carón do Palacio de Cristal existía un pequeno espazo delimitado por uns valados e uns paneis de cristal apiñados como se do almacén de calquera cristaleiro se tratase. Era outro espazo Valcárcel.
Nos días seguintes viamos arte en todas as partes: ao irmos cear, ao tomar un grolo de viño, ao incarlle o dente ao solombo, ao pasear pola “Calle Mayor” …
E así foi como para nós, Begoña, Luís, Lara, Luís e Ana quedaron bautizados eses intres como Momentos Valcárcel. Non é coña!. Cómpre saber aprecialos. Unha vez feito, a disfrutalos, porque neles está o pracer de vivir!

Fotografía: Marten Reitzema.
Texto: Luís Manuel Yáñez Fraguela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario