PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

Á BEIRA DO RÍO SOR

Algúns domingos, cando non sabemos moi ben que facer, estamos modorrentos e cansados do ambiente marino, collemos as nosas cazadoras, as nosas botas de camiñantes, un pao e imos cara ao río Sor, ese que atravesa o Concello de Mañón e que desemboca na ría do Barqueiro.

Subimos ao coche, apretamos ben os cintos e tiramos millas. Na ponte do Baleo tomamos a estrada que nos dirixe a Mañón, a localidade que dá nome ao concello. Como a uns nove ou dez kilómetros de ascensión chegamos a un cruce. Se tomamos á dereita dirixirémonos ao Barqueiro e se decidimos que á esquerda creo que imos parar ás Pontes, pero non estou seguro. O caso é que ao chegar ao cruce debemos ir cara á dereita e así como a dous ou tres km., aproximadamente, atopamos un desvío á esquerda que nos indicará o lugar ao que temos intención de chegar: Ponte Segade.


Debemos fixarnos ben nos indicadores, un que pón Puente Segade, Cabanas e Vive[i]ro –o do “i” non o teño moi claro, non sei se existía antes de que se oxidara a parte en cuestión ou foi alguén que intencionadamente quixo escribir un “i” e outro individuo por encima e por magoar decidiu pintalo de negro para manter a frescura e deleite inicial- e outro indicador que pón Río Sor Ruta de Senderismo - ao ver o segundo xa teño claro que seguramente no anterior panel e máis antigo tamén quixese poñer Vivero e que con toda probabilidade, serían os mesmos pailáns os que ordearon rotulalos así-.



Se seguimos a ruta que nos indican os paneis a dous ou tres km. estaremos xa en Ponte Segade, Segade ou Saghade, segundo o nivel, variedade ou rexistro de lingua utilizado por cadaquén.
Como podería describirvos o lugar!. Un río…pequeno… pouco caudaloso con un pequeno encoro artificial que permite os baños, mais tamén que discurra a auga; unha ponte…tan pequeneira coma o río… e á súa dereita un camiño-estrada (non sei cara a onde poderá levar) e un baruco nunha casiña de pedra.
Pola banda esquerda atopamos unha zona con céspede ben coidado, algunhas árbores autóctonas salpicadas por mesas e asentos de formigón tapados con lousas -para que se adapten ao entorno- nos que poder disfrutar un día diferente na compaña dunha empanada ou dun churrasco de porco adobado con viño do país e garnido polo son dunha gaitiña tiriliteira.


Aí é onde podemos tomar o sendeiro que nos levará, ao son do río e na súa permanente compaña, por sitios plagados de vexetación, onde a auga baixa da montaña a ritmo de vertixe, por lugares frondosos nos que a luz do sol nos días de ceo azul a duras penas logra iluminar o chan para, finalmente, refuxiarnos nunha cabana de pescadores que é o lugar onde remata sempre o noso paseo. Ao cabo de media hora de estar naquel lugar, lavando as mans coa auga do río, observando os bichos ou simplemente mirando cara a ningunha parte, voltamos polo mesmo camiño. Nunca decidimos continuar máis alá do refuxio pero seguro que algún día o faremos. Xa lles contarei.




Texto e fotografías por Luís Manuel Yáñez Fraguela

No hay comentarios:

Publicar un comentario