PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

FONTEMORO

Levóus'a louçana,
levóus’a velida,
vai lavar cabelos
na fontana fría,
leda dos amores,
dos amores leda.

Levóus’a velida,
levóus’a louçana,
vai lavar cabelos
na fría fontana,
leda dos amores,
dos amores leda.

Vai lavar cabelos
na fontana fría,
passou seu amigo
que lhi ben quería,
leda dos amores,
dos amores leda.



Esta cantiga de Pero Meogo, xograr do século XIII, é un magnífico complemento literario para as nosas fotografías de hoxe.
O lugar chámase Fontemoro porque, loxicamente, hai unha fonte con dous caneiros por onde discorre a auga permanentemente. Ademais da fonte hai un pío no que as mulleres ían lavar a roupa acumulada suxa de varios días.
Eramos nós uns nenos cando isto sucedía, lembro moi de lonxe esas mulleres con tinas cheas de roupa -sabas, xerseis, pantalóns, cortinas, mantas, calzóns- naquela época na que por aquí aínda non existían os tecidos acrílicos, nin os sintéticos, cando as sabas eran de liño ou dunha tea que non son quen de definir pero que vostedes imaxinan, teas brancas nas que seguramente daría xenio durmir, se non fose polo cheirume da corte das vacas da habitación do lado. Pero como sarna con gusto non pica, pois sigamos imaxinando o noso locus amoenus no que nos introducen a cantiga e as fotografías.
Como lles indico, lembro de moi lonxe a imaxe que lles describo, mais tamén o balbordo que alí se producía. Era un balbordo cantaruxeiro, de sotaque entregado, alleo a intrusións lingüísticas de calquera tipo, no que o semantismo se asentaba na retranca e no aturuxo falado que sobrepoñía unhas falas sobre das outras.
Non, non había donas virgo idealizadas lavando os seus longos cabelos á espera da chegada do seu amigo, senón donas ou mulleres con bata de cadros mercadas, seguramente, na vila de Ortigueira ou ao comerciante viaxeiro que ás veces pasaba pola nosa localidade.
E non lembro calquera outra cousa daqueles tempos, xa nin acordo outra muller lavando roupa neste lugar, porque anos máis tarde chegarían as lavadoras automáticas que destruirían aquel mundo no que a aldea descrita por Castelao aínda conservaba todo o seu sentido orixinario.
Lembro que nunha ocasión, con 6 ou 7 anos caín naquel pío da auga con ducha incorporada que me mollou por completo. Foi como un segundo bautizo, un instante vital que nunca podería esquecer e ás veces estou tentado caer outra vez para recuperar, aínda que só fose un instante, a infancia perdida.
Hoxe en día só imos alí na procura de auga fresca, ou botámoslle un grolo ao pasar no día da festa cara á ao lugar onde se celebra.
Tempos foron!
Actualmente o lavadeiro está sen limpar, non creo que ninguén o use, aínda que se cadra, nalgunha ocasión algúen coma min, molle nel a palma da man para sentir o tacto da auga de Fontemoro, da nosa auga, da auga da nosa fonte, da miña fonte.
Todas as fontes, para min, son esa fonte. Porque no meu imaxinario só hai unha fonte. E non poido ver outra fonte.


Como cambiaches, miña amiga!
Quen te disfrazou?




Adiós ríos, adiós fontes
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario