PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

SON AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Un ano máis estamos en plena campaña electoral para elexir aos nosos representantes no Concello.
Sempre lembro, cando isto sucede, unha película que fora ver ao cine en Lugo –hai xa máis de 20 anos- titulada “El disputado voto del señor Cayo, dirixida por Antonio Jiménez-Rico e baseada nunha novela homónima de Miguel Delibes.
Na verdade, nunca lin a novela que lles cito, nin tampouco volvín ver a película en cuestión, aínda que si conservo certos flashes de memoria visual, que sitúan o espacio da película en terras castelás, secas, frías e montañosas, nas que vivía, nunha pequena casa ou quizás nunha cabana grande de pedra, un home vello e curtido, con boina, caxato e un can.
Non era consciente eu aínda daquela da importancia que podía ter un mísero voto para os intereses dos que pretenden conseguir un escano na Casa Consistorial e, a dicir verdade, tampouco entendera moito da película naquela miña curta idade, tan só   que me causara comicidade, lembro, ver ao pobre do vello correr detrás dun home duns aproximados 40 anos con garavata e cabelo peiteado á raia, como quen pretende espantar as moscas do seu corpo nunha tarde calmiza en pleno verán. Igual que fan as moscas, facía o home este. Voltaba unha e outra vez para conversar co vello e facelo entrar en razón. Pero en cada nova ocasión, traía máis reforzos, de tal maneira que o que primeiramente fora un pequeno malfado para o vello, chegara a converterse nun insoportable sarpullido capaz de irritar ao máis sosegado coala.
Permítanme os políticos ou aspirantes a acadar a responsabilidade de dirixir calquera municipio e administrar os bens públicos cos que contamos, que bote unha pequena gargallada con vostedes pola saúde do Señor Cayo e pola saúde de todos os que tamén, tendo a condición de veciños coma min, quizás tampouco agardamos demasiado dos administradores de turno. Esta afirmación última, probabelmente estea pouco argumentada ou fundamentada, porque nace da pura emoción e non da razón. Pero quen precisa de razóns en cuestións ideolóxicas? Quen precisa de razóns para adorar ao que de tanto ben o forneceu? Quen precisa de razóns para maldicir a aquel individuo, que en certa ocasión non che proporcionou un sopro alentador? Quen precisa de máis razóns se acha, enganadamente, que é aquel e non outro o que lle pode axudar a acadar un obxectivo persoal?
Ben sabía o Señor Cayo, como home ilustrado e vivido, que ninguén daba pesos a catro pesetas. Tiña ben aprendido que a súa mísera pero adorable vivenda, non ía converterse en pazo fachendoso da noite para a mañá por obra dun político que tantas cousas lle daba a entender.
Déixenme, máis unha vez, sen desprezar a política, que bote unha sa risadiña con todos vostedes, con todos os aspirantes a acadar representación, con todos aqueles que cren posuír a razón verdadeira do voto a emitir, con todos os entendidos do asunto que existen no mundo, e que nestes días nos agasallan con opinións fundamentadas, con todos os estadistas de taberna que, a modo de adiviños, pretenden  adiantar os resultados dos próximos comicios.
Déixenme, por favor, porque estas son as eleccións municipais, as para min máis apropiadas para o escarnio de todas as eleccións que poidan existir, as do alcalde comunista que se enfronta ao cura, as do cacique primario, as do bufón adulador vocacional, as do alcalde pedáneo repartindo carteis electorais na hora das funcións e as do neopolítico que ten a chave do progreso local.  Ríámonos un pouco de nós mesmos, que é san. 

  

No hay comentarios:

Publicar un comentario