PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

TORTA DE QUEIXO CON CAREIXÓNS

Estoutro día, como quen non quere a cousa, tomei a decisión de ir pasear por un camiño diferente ao que é habitual. Non había ninguén, porque penso que pouca xente pasa por alí, unicamente irán as persoas que teñen terreos por esa zona cando toca rozalos ou labralos, penso eu. O caso é que camiñando, entre unha fala e outra, atopei un filón de careixóns ou cacareixóns –elixan a forma que prefiran- nunha arribada a carón do camiño segundo se sobe á dereita.



Non vira tantos desde que era neno e me levaba miña tía polos campos xa coñecidos seus, nos que sabía que abundaban. Levabamos unha bolsa pequena de plástico e, aos poucos, eu ía enchendo aquel saquiño dos pequenos froitos silvestres, mentres ela me alertaba:
- Mira aquí Luís, mira cantos hai neste sitio. Ven axiña… corre!.
Entón eu, sabedor da súa sapiencia e boa vontade, apresurábame e comezaba a recolectar coa ansia dun neno mentres lle dicía:
- Los que no son tan rojos tambien los puedo coger, o es mejor dejarlos para otro día.
Eu sempre collía máis ca ela, evidentemente, porque me cedía o pracer de apañalos. Unha hora ou dúas máis tarde, xa na casa, comiamos con azucre os que sobreviviviran entre os xa inxeridos no propio campo e durante o percorrido de volta.
Outros días, tamén sendo neno, ía cos compañeiros da aldea, pero neste caso nunca levabamos a bolsa, improvisabamos cunha palla, que era o propio, á que lle iamos inserindo os careixóns a modo de brocheta.
Pois resulta que hoxe, lembrei o filón que vira estoutro día e que tiña gardado na memoria. Alá fun. Arranquei unha palla e, como cando era neno, fun incrustando cada froitiño co cuidado preciso en cada unha das herbas que por alí había e que me parecían as máis apropiadas para tal labor. Algúns careixóns cominos in situ, como é de rigor, e os máis aproveiteinos para decorar e mellorar un pequeno pedazo de torta de queixo que había na casa.
Do sabor dos careixóns mellor non escribirei nada, porque supoño que vostedes xa os terán probado nalgunha ocasión, e ademais considero de mal gusto describirlles o seu sabor. Os sabores próbanse, non se describen, e aínda que quixese non sabería facelo.
É unha mágoa que este tipo de froitos non se poidan mercar habitualmente nas froiterías dos grandes centros comerciais, ou se cadra é unha sorte porque deste xeito o seu disfrute faise máis especial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario