PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

NOITE DE SAN XOAN

Nesta noite de San Xoan acenderémo-la fogueira, invocaremos aos espíritos do ben, recolleremos herbas que ataremos e colgaremos na porta contra todos os males. Algunhas poreinas a remollo toda a noite para que purifiquen os nosos corpos . Mercaremos sardiñas frescas –“polo San Xoan, a sardiña molla o pan”- e asarémolas mentres gozamos dunhas copas de viño branco e para quen o queira tamén o haberá tinto. Asaremos patacas novas, envoltas en papel de aluminio e chamizarei as mans e a cara con carbón.  Logo comerémolas arredor do lume e finalmente saltaremos a fogueira mentres berramos en alto.

“Salta o lume de San Xoan, que non che trabe cadela nin can”

e logo lembraremos a San Pedro e matabamos dous paxaros dun tiro, porque eu nunca cheguei a prender unha fogueira polo San Pedro:

“Salta o lume de San Pedro, que non che trabe cadela nin perro”

Así se dixo desde sempre en Ladrido.
Hoxe vai bo día, e alá polas 6 ou 7 da tarde seguro que por Barbos e Mosteiro comezan a acender as primeiras lumieiras, pequenas lumieiras que enchen o ceo de fume purificador coma un botafumeiro no día de Santiago.
É máxica a noite de San Xoan, a noite máis curta do ano, aquela na que din os mariñeiros que ao pouco tempo de porse o sol xa comeza a gromar polo horizonte oposto o amencer do día seguinte. E fálase diso na terra. E quixera ser mariñeiro nese preciso instante para ver o mar calmizo do mes de xuño desde a cuberta do barco, co aire morno masaxeando a miña pele, e así sentirme libre inmensamente, baixo unha cúpula cósmica de destellos astrais e infinitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario