PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

O TEITO É DE PEDRA

Elixo este verso tan coñecido da obra poética de Celso Emilio Ferreiro como título para esta entrada, porque me parece unha maneira moi suxerente para aludir aos lousados das casas tradicionais en boa parte da zona oriental da provincia de A Coruña e todo o norte da provincia de Lugo, e por tanto, tamén do Concello de Ortigueira. 

Lugar de Mazorgán na parroquia de Céltigos
Xa sendo neno me chamaba a atención ver as pedras de formas salvaxes enriba das casas para soportar a grande cantidade de lousas que conforman a totalidade da cuberta de calquera edificio tradicional da zona. Cavilaba eu sobre a técnica utilizada para colocar os coios, de tal maneira que o conxunto da construción non caese cun pequeno movemento en falso de calquera obxecto. Volvía a mirar e constataba que unicamente estaban suxeitas cunhas paladas de cemento na base de cada pedra, situadas en cada lousa na zona inferior da cuberta. Miraba unha vez máis e confirmaba novamente que cada unha delas estaba asentada nunha soa lousa e non na intersección entre dúas lousas, a modo de grampa. A seguir pensaba no acueduto de Segovia e na habilidade que tiñan os romanos para encaixar pedras entre si, de maneira que o conxunto da contrución non se derrubase aínda que lle tocase coas mans e a empuxase ben forte. Porque unha vez estiven en Segovia e constatei, cos meus propios sentidos, que as pedras non están pegadas con ningún tipo de masa.

Visto en perspectiva non ía eu tan descamiñado nas miñas divagacións, porque moitos turistas que se achegan por aquí, a modo de entremés conversacional pregúntanme cal é a función das pedras que hai enriba das casas. Eu respóstolles que a súa función é a de soportar o conxunto do lousado. A seguir, fanme a pregunta que agardo desde o principio: Como é posible? Eu contesto que non sei moi ben, pero que estou segurísimo de que cumpren o seu cometido á perfección. Entón tamén eles apuntan a incredulidade que lles produce tal logro da técnica, moito maior ca o feito de poder cambiar de canal co mando inalámbrico da televisión.

Sexa como for, o caso é que se quitasen as pedras dos lousados a dúas augas, perderíase unha parte importante na visualidade arquitectónica do noroeste ibérico, esa que nos entronca coa cultura da auga a chuzos, coa cultura das madreñas, a das chapuceiras nos días de inverno, a da mísera e arcaica pingueira que forma círculos concéntricos noutra pedra vestida de verde e con forma diferente, máis grande e co mesmo espírito etnográfico cá primeira.
Por todo isto, estas pedras de formas puras, diverxentes e en aparencia caóticas, forman conxunto coa personalidade primeira dos que nelas habitan, dos que vemos e sentimos un mundo nestes pedazos de penedos sen valor económico, mais co valor que apunta o etnógrafo Xaquín Lorenzo ao referirse á casa tradicional como “vencello que xungue ó home coa xeografía dun xeito íntimo”.

Hoxe en día, as pedras non se usan de inicio como recurso arquitectónico para soster as lastras. As posibilidades que eu coñezo son dúas: ou se usa o modelo ou técnica chamada popularmente “de rumbeiro”, no que cada lousa é esculpida polo lousador de xeito artesanal, ao tempo que se coloca no seu lugar, ou se usa o modelo que poderiamos denominar “industrial” no que cada laxe vén cortada en paralelogramo perfecto para, simplemente, ser suxeitada cunha especie de grampa cravada na madeira interior.
É unha lástima que proliferen cada vez máis os tellados nesta nosa zona na que a tella, tradicionalmente, foi un material de construción inexistente. Pero a tradición non é o pasado, senón que está en constante desenvolvemento. Aparecen materiais novos que se adaptan mellor ás posibilidades económicas da poboación e que acaen ben en ambientes de choiva e vento. Neste sentido, é normal que tanto a tella na actualidade como a uralita nos anos 70 fosen materiais moi requeridos polos propietarios de vivendas de nova construción, porque se trata de materiais máis baratos e as normas urbanísticas permiten a súa colocación.

2 comentarios:

Patricia dijo...

Dende logo para min non hai como un rumbeiro. E encántame o xeito de Mañón onde nas limas da cuberta colocan pezas de canteiría cóncavas, parecidas ás tellas. Son moi curiosas. Polo demais, entendo que a economía impoña a tella, pero na arquitectura tradicional da zona pide lousa. Parabéns polo post e un saúdo.

Dirección dijo...

Si. Eu tamén prefiro rumbeiro. Con respecto ao que dis das pezas de canteiría cóncavas, terei que indagar, porque non as identifico. Un saúdo.

Publicar un comentario