PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

PRODUTOS NA SÚA SAZÓN. O CALDO DE FABOLAS OU FABAS LOBAS. RECEITA

O caldo de fabolas (como se lles chama por aquí) ou fabas lobas (que parece ser a denominación máis usual en Galicia) é un prato tipicamente galego que nos consola aos que temos o padal afeito a este tipo de produtos autóctonos e arraigados. Dicimos isto porque é moi común que moitas persoas, cando o proban por primeira vez, lles resulte un tanto repelente e ata a terceira ou cuarta proba non se renden a este manxar exquisito. Esta reacción primeira quizás se deba, en parte, ao seu aspecto negro-acastañado.
É máis forte ca o caldo de verdura, porque leva un rostrido feito con panceta salgada e ceboliño medrado, que crea unha pequena capa de costra graxenta nada recomendable para os que non queiran engordar en demasía. Aínda así, direilles que coñecemos dúas versións: a versión con moita graxa e a versión con pouca graxa. Quixéramos que a segunda fose a máis axeitada ao padal, pero polo que a nós respecta, a primeira parécenos a máis sabrosa, porque a graza está no feito de que leve moita panceta que aliñe o resto dos produtos, doutra maneira sería como unha ensalada con pouco aceite e como vostedes ben saben, a graza está na salsa , aínda que neste caso se chame rostrido.

Ingredientes:
-         2 Kg de fabolas.
-         5 Abrochos de ceboliño medrado.
-         2 Patacas medianas.
-         Panceta salgada cortada en dados.
-         2 ósos de porco salgados.
-         Pemento doce.
-         Sal.

Os pasos a seguir son os seguintes:
Desalgar os ósos durante toda a noite en auga fría. Ao día seguinte poñelos a cocer en abundante auga a lume suave durante aproximadamente 1 hora. Iremos incorporando auga pouco a pouco a media de se vaia evaporando. Engadiremos en primeiro lugar as fabolas que deixaremos cocer durante aproximadamente 20 minutos, comprobando o momento no que xa estean tenras. O tempo de cocción dependerá da calidade do produto que utilicemos, a saber, conxelado, fresco… Un pouco antes de que as fabolas estean cocidas engadiremos as patacas troceadas e vixiarémolas ata que estean tamén cocidas.
Unha vez que todos os ingredientes anteriores alcanzaron o seu punto, elaboraremos un rostrido cun pouco de aceite (moi pouco, pois os torresmos xa soltan per se graxa abonda), os torresmos, o ceboliño medrado que cortaremos en tiras longas, aos que incorporaremos media cullerada sopeira de pemento. Antes de que o pemento se queime (que se queima axiña se non lle atendemos) incorporaremos o rostrido ao caldo.
Non lle botaremos sal porque os torresmos xa salgan suficientemente, non obstante, cómpre probar e rectificar de sal ao final da preparación.
Deixar repousar uns minutiños e comer.

1 comentario:

Voz en off dijo...

Q boa pinta!😋😋

Publicar un comentario