PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

DIÁLOGO INOCENTE DE CONCIENCIAS INFANTÍS


A xenialidade e inventiva dos nenos non ten límites.
Este boneco foi realizado por unha nena holandesa que estivo a pasar uns días por aquí. Era unha nena de profunda vida interior, ou iso se entrevía na súa mirada, unha especie de Anna Frank, observadora do mundo circundante e cun sentido emocional altamente desenvolvido. Quizás o afastamento que lle impoñía a súa lingua estranxeira no contexto en que viviu aqueles días, fora o causante de que tivese que urdir maneiras de pasalo ben ela soa.

Para que pode servir unha raqueta se non hai con quen xogar? Se fose unha pelota de tenis aínda podería tirar contra a parede e que esta a devolvese, pero cun volante de bádminton este xogo non se pode levar a cabo… ademais xogar con paredes e falar con elas pode resultar ben aburrido.
De saltar a comba estou cansada e de xogar á pelota tamén. Ademáis neste aldea non hai nenas da miña idade coas que poder xogar.
Ten que existir unha maneira de poder comunicarse co mundo a través destes obxectos, como fan os artistas consagrados ao amosar as súas composicións en museos destacados de cidades e vilas importantes. O meu museo será a aira da casa e os meus visitantes serán aqueles que pasen por aquí e sexan capaces de ceder un breve intre da súa existencia para admirar a creación individual de quen o fixo. Se cadra consigo como recompensa un leve sorriso que sexa o inicio da comunicación inicial desexada daquel que se sente fóra de lugar. 

Quizás non sexa este boneco máis ca outro aquel Wilson creado por Tom Hanks, sendo náufrago nunha illa perdida no medio do océano, cando constriu un alter ego en forma de Ti para poder comunicarse con alguén.

Chamarémoslle Wilson tamén. A el acudiremos cando ninguén nos escoite, cando ninguén comprenda o que queremos dicir verdadeiramente, cando o resto mundo deambule distraído en asuntos fútiles maquillados de verdade absoluta. Será o noso falso amigo confidente, o que nos cure as pequenas chagas de incomprensión, as feridas dos espiños que viven na broza…e construiremos un mundo de amizade e solidariedade, a base de xestos gratuítos que nós mesmos fabricaremos… e seguiremos observando e aprendendo de quen ten máis camiño andado… e aproveitaremos os seus erros e sumarémolos aos nosos e distribuiremos a nosa maxia entre a poboación.

Agora Wilson xa non existe fisicamente como conxunto. A súa cabeza de aro baila nas cadeiras doutros nenos, as súas extremidades superiores de corda con empuñadura sérvenlles de entretemento a máis nenos que comparten experiencias deportivas, mentres cantan a coro algunha cantiga tradicional, os seus ollos de raqueta golpean constantemente o seu nariz de pallaso, os seus cabelos de herba desapareceron para sempre, levounos o vento mareiro e espallounos polos mesmos camiños da aldea na que esta nena holandesa creou esta obra de arte efímera, que ficará para sempre nunha fotografía, e que quizás cando sexa moza poida servirlle para lembrar lonxemente o seu paso por esta pequena poboación do cabo do mundo.
Oxalá poida revivir por un instante os seus anos de infancia que xa nunca voltarán!. Entón Wilson retomará a súa forma inicial e irromperá con fonda personalidade para devolverlle ese sorriso de pao que ela mesma construíu.


 Fotografía e texto: Luis

2 comentarios:

Reme dijo...

"La poesía de las cosas pequeñas"...
Me gusta tu blog, Luis: frescura, creatividad, buen hacer... ¡Menudo cronista le ha salido a tu hermosa tierra!
Y las recetas, ¡un hallazgo!, ricas y fáciles de hacer. Doy fe, pues algunas de ellas las he probado. Un saludo.

Dirección dijo...

Gracias Reme! Un saludo

Publicar un comentario