PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

... E XA PASOU O FESTIVAL 2011


Alá van xa catro días de Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Catro días de troula, de música en vivo, rodeados de perroflautas, de tortas celtas, de calimocho e do lixo xerado polas botellas dos vividores que durante estes días nos visitaron. A maioría deles xoves vidos de quen sabe que lugares son vomitados polos autobuses e trens na estación do ferrocarril de Ortigueira. Os mais deles acamparon na praia de Morouzos. Viñan case todos en grupos de catro e cinco persoas. Unha delas soía levar a tenda de marca Quechua, en envoltorio redondo para facilitar o seu transporte; outra, un par ou tres ou catro bolsas de supermercado con comida e os demáis carregaban a bebida. Era importante estar ben provisto de bebida durante eses días: ron, Coca-cola, viño e xenebra parecían ser as bebidas máis consumidas, polo que puiden escoitar mentres me achegaba ao epicentro do Festival, na alameda, onde se celebraron os concertos.

Disque había un rapaz que no medio da estrada berraba:

“Yo lo que quiero es………..Wiski con Coca-cola”

Segundos máis tarde preguntaba:

“¿Qué es lo que quiero?”

Entón, un coro de viandantes improvisado respostaba:

“Wiski con Coca-cola”

Ao meu modo de ver, só uns poucos destes xoves vomitados por autobuses e trens, son escoitadores habituais do que se dá en chamar música celta. Atrévome a afirmalo porque apenas tiven ocasión de oír música deste xénero ao pasar entre a multitude con ganas de troula. Escoitei reggae, moito reggae, sobre todo a Bob Marley, escoitei tecno, tecno-house, house, Hip-hop e Hop-hip e moitas outras destas variantes chegadas dos USA que nunca cheguei a asimilar e que por iso non poido clasificar correctamente.
Non obstante, destacou por riba de todos estes o ritmo constante dun bombo electrónico que chegaba a Ladrido da parte da praia de Morouzos, transportado polo vento mareiro. Unhas veces petaba máis e outras menos, dependendo da intensidade do vento, pero aí estivo durante estes catro días pasados, como unha pequena dor de cabeza que non te deixa nin a sol nin a sombra.
Xa me comentou un cliente meu sevillano, aficionado e tocador de gaita galega, que gusta de saborear as melodías celtas, que cando el acampaba non existía ese ruído de fondo. Eran os propios campistas os que animaban a festa intercambiando sensacións auditivas e que dalgunha maneira complementaban ás actuacións oficiais contratadas pola organización.
Onte tamén tiven un ratiño libre e achegueime a ver e escoitar á formación coruñesa Luar na Lubre. Eu que sempre me poño diante, onte, certas circunstancias leváronme a escoitar desde a parte de atrás, onde se situaban tamén algunhas persoas de avanzada idade. Puiden disfrutar dun ambiente marabilloso, entre novos e vellos,que durante ese instante coreamos ao unísono pezas de autores como Federico García LorcaJosé Afonso ou  as cantigas populares Camariñas e A saia da Carolina, alén doutras compostas polo grupo.
Eu que pensaba que o despregue etílico en garrafa de plástico colonizara aqueloutro de bebida pausada e constante e que os novos ritmos desprazaran esencialmente á música tradicional dos países celtas, aledeime de constatar que aínda son moitos os que chegan a Ortigueira reclamados pola música de raíz, esa que converteu ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira nun recurso turístico de primeira orde e que está na memoria de todos.  


No hay comentarios:

Publicar un comentario