PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

PRODUTOS DE CALIDADE. O PAN GALEGO TRADICIONAL DE POR AQUÍ

Cada vez é máis difícil conseguir bo pan por esta zona. As xubilacións dos panadeiros e panadeiras que elaboraban o seu produto de xeito tradicional e a non continuidade dos fillos co negocio familiar, restrinxen de xeito significativo as posibilidades de elección do pan para aquelas persoas que apostamos pola calidade do produto que consumimos, aínda que o prezo sexa máis elevado.
Agora tamén por estas aldeas e vilas, como nas grandes cidades, moitas panaderías optan por industrializar os seus negocios e así conseguir maior produtividade a todos os niveis, co que consiguen un produto de máis rápida elaboración, pero que non resiste en bo estado máis alá de un día.
Todos os de por aquí lembramos con agrado e con certa morriña, o pan que facía a nosa panadeira oficial chamada Adelina, que anos máis tarde a súa filla Graciela continuaría a elaborar de xeito maxistral. Aquel pan galego era un auténtico pastel, podíase comer só sen necesidade de acompañalo con ningún outro produto que o complementase. Podía  aguantar en bo estado ata seis ou sete días, ou quizás máis.
É unha lástima non contar cunha foto para poder amosalo, pero máis lástima é non poder ulir e comer unha outra vez aquel manxar elaborado con fariña de calidade, en forno de leña tradicional.
Pouco a pouco, e case sen decatarnos, estas pequenas xoias gastronómicas que sempre estiveron con nós, van desaparecendo, sen poder facermos nada para recuperalas, pois a súa existencia dependía exclusivamente da vontade de persoas anónimas que os cociñaban, coa única pretensión de conseguir certa rendibilidade económica.
A administración debería subvencionar os establecementos que elaborasen este tipo de produtos de calidade, que tanta importancia teñen na sensibilidade dos pobos, igual que se subvencionan os filmes porque acrecentan o noso acervo cultural e tantas outras disciplinas de maior prestixio.  A gastronomía tamén forma parte da nosa cultura colectiva, aquela que se disfruta a través do gusto, do olfato e tamén da vista.
Coa desaparición deste produto gastronómico e de tantos outros, perdemos tamén unha parte importante da nosa cultura. Non o esquezamos.

Bolo e barra da panadería Miguel Giz, Devesos (Ortigueira)


No hay comentarios:

Publicar un comentario