PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

EMPANADA DE MAZÁS. RECEITA

É precisamente nestas datas cando as mazás están na súa sazón. Pódense ver por estas terras multitude de maciñeiras cargadas deste froito. Son maciñeiras de tamaño medio e grande, tanto que nalgúns casos coller as mazás da parte superior da árbore convírtese nunha odisea. Nada que ver coas árbores domesticadas –ben podadas, coa ponlas que trepan por aramios colocados a tal fin e coa froita ao alcance da man- doutros lugares. 


No noso caso as maciñeiras medran libremente casi sen control previo. Do seu tronco saen múltiples ponlas que se desenvolven como a súa natureza o desexa, como un ser humano sen barbear, co cabelo que lle chegue aos xeonllos e as unllas das dedas de 10 cm… máis ou menos. Pero o caso é que dan os seus abundantes froitos para delicia dos que temos a oportunidade de disfrutalos, pois moitas delas son consumidas na zona aínda que unha boa parte vaia parar a lagares asturianos para elaboración da popular sidra.

Ante tanta abundancia, cómpre ter de man algunhas receitas que nos permitan disfrutar delas para que non se perdan. A nós gústanos moito facelas en empanada, neste caso doce, para consumir de postre, na merenda e mesmo no almorzo.
Para a súa elaboración só é preciso traballar unha masa con auga, fariña de trigo, sal e levadura de panadería. Unha vez levedada, estírase a masa e énchese coa mazá picada e pasada na tixola con un pouco de aceite e azucre. Cóbrese a capa superior e cérrase polos lados. A continuación, bótaselle máis azucre pola parte superior e un pouquiño de manteiga repartida regularmente. Por último, enfórnase durante unha media hora a uns 190º, aproximadamente.
Está de vicio.

Nota: como se pode comprobar nas imaxes, chegamos un pouco tarde e xa non foi posible fotografar as árbores co froito, pero asegúrolles que hai 5 días estaban cheíños. Agora están case todas repartidas en sacos e nalgunha empanada tamén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario