PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

FLOR DE SAL DE CASTRO MARIM

É fantástico este sal que nos agasallaron hai uns días. Vén de Castro Marim, unha localidade do Algarve portugués, pertencente ao distrito de Faro, ao sur do país veciño. Parece ser que o sal, desde sempre, foi un produto de especial importancia nesa zona do atlántico. Despois duns anos de certo abandono, parece que na actualidade rexorde o interese por recuperar a súa extracción e comercialización, creando cooperativas de produtores de sal mariño tradicional. Asemade, esta zona do Algarve, xunto con outras do suroeste español, do noroeste francés, entre outros lugares, forman parte do Proxecto SAL, que tenta a recuperación, conservación e posta en valor das salinas tradicionais.
En concreto, a flor de sal é aquela que se crea de xeito natural na superficie da auga das salinas.

Tamén se comercializa unha variedade que incorpora carqueixa, esteva, alecrin e tomiño.
Calquera das variedades son ideais para rematar moitos pratos, e engádeselle ao produto xusto antes de ser servido  pois ten a capacidade de fundirse rapidamente coa salsa dos alimentos. Non é un sal moi intenso que poida chegar a repeler no padal.
Nós nunca usáramos anteriormente este tipo de sal para condimentar os nosos pratos, pois a nosa cultura do sal redúcese á sal gorda ou fina de toda a vida, e de hai un tempo a esta parte coñeciamos a sal Maldon ou sal en escamas, aínda que tampouco a utilizamos en ningunha ocasión, parecíanos un mundo reservado aos grandes chefs.
É máis habitual que utilicemos sal gordo para condimentar os guisos, caldeiradas, para asar as sardiñas, para o marisco ou para adubar algunha carne. O sal fino usámolo, basicamente, para pratos tipo pasta ou arroz. Pero en xeral somos moi amigos de usar sal gordo en case todas as nosas preparacións, aínda que preferimos os pratos elaborados sen moito sal, rozando case o soso, porque calquera elaboración que non acade o punto adecuado deixa de ser excelente, sobre todo se está demasiado salgada.


É interesante o mundo do sal e sorprendente a grande cantidade de tipos de sal que existen e variedades de elaboración que se ofertan. Agardemos que este agasallo faga bordar en nós a chama do interese por este produto esencial en todas as cociñas do mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario