PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

TERRA DE CHUVIA, TERRA DE LOBOS


De todos é sabido que na cultura de calquera pobo os animais, tantas veces humanizados, son os protagonistas de contos e lendas populares que perviven no tempo a través da boca da xente, transmitíndose de xeración en xeración. Quen non oiu nalgunha ocasión un conto popular no que unha serpe, unha águia, un burro ou calquera ser fantástico que puidese participar como actante principal dos variados relatos que tentan, ademais de entreter, explicar o mundo que nos rodea.
No caso galego hai un animal que quizás sobresaia por riba dos demáis no cómputo do imaxinario literario. Trátase do lobo. E é que queirámolo ou non, vivimos en terra de lobos.
Por iso o meu pai se levantou hoxe co comentario seguinte: “hoxe está día de lobos”. Nós non entendiamos de primeiras o comentario, ou polo menos, non alcanzabamos a encadralo no seu debido contexto cultural-etnográfico. Nós, persoas socializadas no derradeiro cuarto do século XX, que imos saber de lobos mais alá dunhas cantas referencias teóricas literarias?
A historia vén de lonxe, de moi lonxe. O lobo, con moi mala sona alá onde se atope, foi tradicionalmente o animal máis temido polos homes e mulleres do rural galego. Por que? Cóntase que había lendas que dicían que o lobo se enfrontaba aos homes cando ían sós. Se ían dous non, disque, porque sabían (os lobos) que non tiñan nada que facer. Contan tamén, que en tempo de inverno os lobos baixaban das terras altas do monte cando era tempo de neve ata lugares máis baixos,  e que mesmo chegaban a carón do mar e deixaba as súas poutas marcadas no chan. Este era motivo de temeridade para todos os veciños, que ao escoitaren a alarma dalguén que os tivese visto,  resgardábanse nas súas casas, sobre todo pola noite. Porque disque o lobo só se vía pola noite, pero nunca polo día, porque o lobo, segundo a crenza popular, é un dos animais máis listos que hai.
Don Antonio, un mestre de Ferrol -que daquela impartía docencia en Ladrido-,  contáballe aos seus alumnos que alá en Montefurado, nos cañóns do Sil, quixo atacarlle o lobo nunha ocasión. Viña de traballar e atopouno de fronte. Menos mal que lle axudaron uns veciños que pasaban por alí. Disque o animal xa viña coa boca aberta.
Ademais de atacarlle ás persoas, os lobos constituíanse no principal depredador de animais domésticos de todo tipo. Comía galiñas, cochos e mesmo vacas, por iso cumpría tomar a precaución de agochalas durante a noite na corte da casa.
Era precisamente en días de inverno cando o lobo tiña máis perigo, porque coa súa listeza innata era capaz de dilucidar o momento no que as persoas interrompían  as súas labores no campo para adicarse a tarefas de carácter máis doméstico.
Era sobre todo nos meses de decembro e xaneiro, cando os días son máis curtos, o ceo se torna gris oscuro e non para de chover intensamente durante toda a xornada, que o lobo se achegaba ás casas para ver se era quen de cazar algo de carne que levar á boca. Xa se deron casos de desaparición de galiñas, galos, ovellas, cochos e mesmo vacas, só cando o dono dos animais se descuidaba e os deixaba totalmente desprotexidos, sen máis defensa que aquela que nace do seu propio instinto de supervivencia.
Hoxe, que é día de lobos segundo a sabiduría popular, o ceo amenceu gris oscuro, cae auga a chuzos e non ten traza de que vaia escampar.
Coméntase que xa non hai lobos por aquí, desapareceron no tempo en que o concello instalou a iluminación pública polas estradas principais, e se cadra a intensidade lumínica espantou todo atisbo de achegamento. Aínda que pola parte de Landrove, preto de Viveiro, no máis oscuro do monte, aínda se pode ver algún exemplar. Disque. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario