PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

A CASA DA VELA (edificación singular en O Porto de Espasante)

A Casa da vela é unha pequena construción de planta rectangular cuberta a dúas augas que se atopa ubicada no apéndice terrestre que remata o istmo no que se asenta a pequena vila de O Porto de Espasante.
Foi construída a comenzos do século XVIII a petición do crego de Espasante, D. Miguel Tenreiro de Andrade, quen lle solicitaba ao Capitán Xeral do Reino de Galicia a necesidade de poñer en marcha certas medidas que protexesen aos veciños do Ortegal contra os ataques dos corsarios ingleses e franceses que, a inicios da Idade Moderna, merodeaban a costa levando ao seu paso, todos aqueles enseres que lles fosen de proveito. 
O nome de Casa da Vela ou Garita da Vela está ben xustificado, ao ser alí onde se velaba, se custodiaba ou se facía garda ante o perigo que supoñían as tropas invasoras. Era un posto de vixilancia preventiva como a Garita da Herbeira, sita no Concello de Cedeira, de estrutura similar á primeira, e sendo estas dúas as máis coñecidas  -se cadra as únicas existentes- do noso entorno.

Imaxe de O Porto de Espasante que se outea desde a garita

Evidentemente, estes postos só podían ubicarse en lugares desde os que poder outear unha boa porcíón de océano e tamén de mundo habitado. Por iso a Garita da Vela supón un magnífico lugar ao que achegarse nun paseo vespertino, sentarse no muro baixo que a circunda e imaxinar aos corsarios ingleses dispostos a abasallar os poucos bens que os labregos e mariñeiros da época poderían posuír. E pensar en cómo serían os barcos dos piratas cando despregaban as súas velas, e onde atracarían o barco antes de poñer pé na terra, e ollar de memoria a reacción dos veciños armados con apeiros de labranza dispostos incluso a perder a súa vida na defensa do que lles era propio.
E imaxinar cómo serían os habitantes da vila, supoñendo que houbese vila, e saber as cuestións do día a día que lles puidesen preocupar naquela altura, e cómo estarían construídas as casas, e se habería moitos ou poucos camiños, Poder coñecer a intrahistoria de cada un dos nosos antepasados. Saber qué tecnicas de pesca utilizaban, qué cultivaban, cómo se vestían. Poder imaxinar para qué a Casa da Vela ten unha lareira e se farían alí o churrasco, e se asarían chourizos criollos ou simplemente serviría para quentar unha miga o corpo. Disporían de cañóns para espantar ao inimigo ou unicamente se utilizaría para dar o berro de alarma que puxese á poboación en posición de alerta? Como sería a variedade de lingua que utilizaban, porque supoño que a inmensa maioría falarían galego. Que peixe comerían? daríanlle valor ao marisco?

Desde a garita da vela pode verse a vila de Cariño e o Cabo Ortegal

Seguro que unha viaxe no tempo aclararía todas estas incógnitas, hoxe en día case imposibles de imaxinar no seu conxunto. Non obstante, a pegada desa época tan convulsa queda reflexada nesta pequena casa-vixía tan singular, imaxe do presente e lembranza do pasado.

1 comentario:

Unknown dijo...

Me parece uno de los rincones mas lindos que he conocido. De buena gana me quedaba a vivir por ahí.

Publicar un comentario