PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

O TURISMO COMO REALIDADE PARALELA

"Ahora me divierte contemplar el afán viajero que le ha entrado a mucha gente, antes sedentaria y tranquila [...] Sobre todo en verano, gran cantidad de personas van de acá para allá, no sólo a veranear y a descansar, sino a hacer turismo". (María Rosa Alonso, 1909-2011)
Facer turismo pode ser enfocado de dúas maneiras diferentes. Unha que podemos chamar real, e outra, baseada na creación ficticia, que podemos denominar realidade paralela ou mentira turística.
O desenvolvemento de realidades turísticas paralelas choca en esencia coa idiosincrasia dos destinos turísticos auténticos, e soen basearse no desenvolvemento de ambientes artificiais, ás veces parodiando ao propio lugar no que se establecen, e outras veces totalmente desconxuntados co entorno material ou cultural que os acolle.
Para ilustrar a cuestión, citaremos uns cantos exemplos de cada tipo dos destinos propostos.
Un destino real é calquera aldea do Concello de Ortigueira, pois ningunha administración das existentes nin ningunha entidade particular manipulou a esencia do que alí existe por propia natureza, isto é, a arquitectura vai acorde coas formas de vida existentes por tradición –aínda que a tradición non sexa o pasado- e a cultura e actividades que se desenvolven, nacen da autenticidade do pobo en base ás súas necesidades de desenvolvemento.
Unha realidade paralela creada parodiando ao entorno natural é o caso de Sitges (Barcelona), na súa parte nova de casas adosadas, porque intenta imitar –sen conseguilo- a vila tradicional que desde hai séculos se conserva con fachadas brancas e rúas estreitas, ou mesmo Santillana del Mar (Cantabria), no que as formas de vida tradicional foron substituídas por outras, xeradas e auspiciadas por uns intereses económicos da industria turística. Por iso alí se asentan hospederías e tendas de todo tipo, que pouco ou nada teñen a ver coa realidade das vilas veciñas de tamaño similar. Entrar en Santillana del Mar pode supoñer a incursión nun semiparque temático adornado, decorado e restaurado, para satisfacer certas necesidades de abraiamento e consumo dos visitantes. Viven así os habitantes de Santillana del Mar? Non, a maioría non son xente da vila, son outros individuos que están alí agradando a que riadas de turistas se acheguen mercar calquera produto empaquetado, que son vendidos como auténticos porque na etiqueta pón Sobaos Pasiegos, para ao mesmo tempo seren comercializados na sección de delicatesen de El Corte Inglés, dos existentes en calquera cidade española ou portuguesa. 

Esplanada do porto deportivo de Santa Marta de Ortigueira
 
Dous exemplos de proxectos turísticos totalmente desconxuntados co entorno son Benidorm (Alacante), prototipo litoral  no que se constrúe, artificialmente e partindo da nada, unha nova cidade con moitos hoteis que tentan satisfacer necesidades de ocio e descanso concretas, ou Las Vegas, un paraíso do xogo que chega a recrear lugares tan afastados no espazo como París ou Venecia, a través das súas arquitecturas e ambientes.
O turismo como mentira total ou parcial, baséase na creación dunha ilusión no individuo para achegarse a certos destinos e non a outros, que por non seren anunciados, marketizados, explotados ou comentados de forma masiva, perden interese para boa parte da poboación, que chega a consideralos de menor rango ou carentes de estímulos que atraian a súa atención. Case todas as formas de turismo masivo se basean en mentiras: é mentira Marbella para o que queira coñecer Andalucía, é mentira Euro Disney para o turista que pretenda achegarse á realidade parisina, é mentira Benidorm para o curioso coa realidade alicantina, como tamén é mentira, en parte, Santillana del Mar para o astuto camiñante que desexe achegarse á idiosincrasia cántabra.
Nunha primeira aproximación reflexiva, adiviñamos certos tipos de mentiras recurrentes:
Mentiras urbanísticas: baseadas na alteración do aspecto habitual construtivo a nivel de infraestruturas ou de calquera outro ben inmoble. En xeral, son recoñecibles por non gardaren relación estética co entorno natural e arquitectónico que as rodea. Poñamos por caso Sanxenxo, nas rías baixas galegas. 

Praia artificial na ría de Ortigueira
 
Mentiras gastronómicas: Consisten basicamente en degustar como auténtico aquilo que é unha pésima imitación do orixinal, pero que o turista pouco experto consome con aceptación verdadeira. Outras veces déixase levar. En ocasións nada puntuais, estas realidades paralelas culinarias son trasladadas da súa ubicación topográfica propia, e pasan a convertirse en autóctonas doutros lugares por cuestións político-administrativas unitarias. Existen innumerables exemplos para esta categoría. Consumir marisco foráneo como propio de Galicia é unha delas. Igual que unha paella valenciana en Santiago de Compostela pode convertirse en símbolo de hispanidade para os propios, que lles imos contar para os vidos de fóra.   
Mentiras de desenvolvemento económico: Son tamén moi comúns. Poden aplicarse ao ámbito do cotiá, pois non son privativas do turismo. Para recoñecelas cómpre simplemente indagar con detemento ou ir un pouco máis alá daquilo que se nos quere presentar aos ollos. Como un gran coche non é indicador válido para a consideración da persoa que o conduce, tampouco un edificio ecolóxico construído con fondos públicos é significativo da sensibilidade para a reciclaxe de residuos da poboación que alí vive. Normalmente, utilízanse edificios case faraónicos para esconder as realidades que hai detrás. Quizás exista unha proporción inversa entre o número destes elementos expostos e o nivel socio-económico-cultural da sociedade que o permite, a través dos seus representantes.
Mentiras culturais: Supoñen unha maior complexidade. Para recoñecelas cómpre ilustrarse con detemento, pero quizás estean entre as menos alevosas. Porén, calquera galego sabe que as gaitas de tres roncóns tócanse en Escocia da Grande Bretaña e non en Galicia.

Praia de A Concha en O Porto de Espasante
 
O turismo como realidade paralela soe ser máis asequible a nivel organizativo, pois a cotío chega só con contratar un paquete turístico concreto, por exemplo. Dispoñer unha ruta turística alternativa real débese organizar con máis vagar, tomando referencias do que se quere visitar ou vivir.
No aspecto económico, a realidade das cousas sempre foi máis cara ca os sucedáneos. Nalgúns contextos é preciso ter certo espírito aventureiro para poder coñecer verdades absolutas en lugares afastados no espazo.
O noso destino, Ortegal  -quizás en parte propiciado pola dificultade relativa que supón achegarse por aquí- en termos xerais, segue a manterse como una realidade sen deturpar, aínda que non falten pequenos exemplos de mentiras, de calquera dos tipos mencionados. Non obstante, a falta de desenvolvemento neste ámbito, ou de desenvolvemento adecuado, permite que a pluralidade social poida achegarse a disfrutar do noso destino. Doutra maneira, o seu uso quedaría reducido a grupos sociais de gran nivel económico e social. 
Para levar a cabo un plan turístico sustentable, adaptado ás necesidades do Ortegal, pensamos que é preciso –xa que a relativa virxinidade do noso espazo nos dá unha oportunidade- fuxir das realidades paralelas, porque este eufemismo aplicado ao turismo, pode supór a aculturación do espacio propio e o subdesenvolvemento socio-económico dos seus habitantes.  Somos conscientes das dificultades que presenta poñer en marcha un proxecto turístico serio, comprometido e sustentable.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Unha refelxión moi atinada.
Un agarimoso recordo dende Barcelona
Isabel

Dirección dijo...

Grazas Isabel. Un saúdo.

Publicar un comentario