PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

GIETHOORN: UN EXEMPLO DE TURISMO SUSTENTABLE



Como cada ano por estas datas, despois de varios meses de duro traballo, toca mover un pouco as alas e sacudir a graxa que un vai acumulando pouco a pouco e case sen decatarse. Saír uns días do entorno que un coñece abondamente, supón un exercicio de limpado e secado dos lentes cos que un mira o mundo, para achar distintas formas de proceder na vida, e así acubillar novos coñecementos e experiencias, para logo reflexionar sobre o lugar que os demáis e nós propios ocupamos na globalidade, en todos os aspectos.
O aspecto que máis interesa, aquí, quizás sexa o turístico, e por iso fixamos a atención no que para nós poidan ser modelos a seguir e dos que debemos aprender grandemente, neste caso por tratarse dun destino turístico de calidade no que a sustentabilidade xoga un papel fundamental. O lugar sobre o que estamos a escribir é unha viliña chamada Giethoorn, que se localiza na provincia neerlandesa de Overijssel, máis ou menos no centro e norte do país.




Giethoorn é unha pequena Venecia do norte, por asentarse sobre parcelas de terra que emerxen dun grande lago entre as cales se forman canais que separan as vivendas. Giethoorn non é un parque temático construído ou restaurado con fins turísticos senón que é unha realidade cotiá que nace das necesidades dos seus habitantes, como a de calquera vila do mesmo tamaño en calquera lugar do mundo. En Giethoorn non hai nada especial, e ao tempo, todo é especial.
Cando un chega a Giethoorn atopa xente do lugar, partindo leña, cuidando o xardín, cavando na horta, lixando unha xanela, pintando unha porta ou sentado na eira da súa propia casa, contemplando a xente pasar.
Hai moita xente que pasa por Giethoorn a pasear, simplemente, ou que aluga algunha das barcas eléctricas que por un prezo de 25 euros permitirá un paseo polos canais e polo lago durante un máximo de dúas horas. Tamén é posible parar nun café ou nalgún restaurante dos que hai por alí. Non hai acopio de restaurantes nin cafeterías en Giethoorn, tan só os suficientes para darlle vida e sustentar as necesidades dos que alí viven, e por suposto, dos que vivirán no futuro. 

Acceso ao lago de Giethoorn


Non só os habitantes de Giethoorn son cuidadosos con Giethoorn, senón que os visitantes, do mesmo xeito, miman o lugar como se fose deles, como se unha especie de feitizo os captivase e non lles permitise traspasar as fronteiras do indecoroso. Quizás os ambientes tamén eduquen e sexan quen de amansar ao cabalo máis salvaxe, por iso é importante que os veciños de Giethoorn teñan este aspecto moi presente.
En Giethoorn non hai campo de fútbol, nin de pádel, nin de golf, nin clubes de amigos que se poidan reunir nun casino, tan só unha igrexa protestante de tamaño mediano que decora a entrada segundo se entra desde un estacionamento pequeño a carón dun feixe de leña que un veciño cortaba ao nós chegar.
Algunhas casas de Giethoorn posúen unha característica privativa do lugar, unha pequena xoroba como as dun camello ou dromedario, que as distinguen do resto das holandesas construídas completamente planas.

Casas camello, con xoroba


En Giethoorn hai pequenos hoteis e casas que se poden alugar, por longas temporadas ou por días. Son casas que teñen de especial o non teren nada especial no entorno de Giethoorn, casas normais como as de calquera veciño que lles dan un uso de aloxamento público.
Giethoorn cumpre con todas as características de sustentabilidade que se poida desexar para un destino turístico:
- Os veciños de Giethoorn poden vivir en Giethoorn e explotar os seus propios recursos.
- Os veciños de Giethoorn valoran o seu entorno e por iso fan un uso responsable do mesmo.
- Os fillos dos veciños de Giethoorn poderán seguir vivindo en Giethoorn nas mesmas ou mellares condicións nas que viviron os seus pais.
- A cantidade de visitantes de Giethoorn é inversamente proporcional á capacidade de absorción dos mesmos.
- Os veciños de Giethoorn non son ricos, nin aspiran a enriquecerse, tan só viven dignamente dos seus recursos.
- En Giethoorn non hai ruídos innecesarios.
- Giethoorn non só se sustenta a través do turismo, pois o turismo convive harmoniosamente con outros sectores. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario