PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

LINGUA E TURISMO


Neste xa pasado 17 de maio –como todos os 17 de maio en Galicia- celébrase o Día das Letras Galegas. É un día de festa e reivindicación (algúns máis ca outros) no uso da lingua e  exaltación da literatura propia. Co gallo desta desculpa organízanse actividades por todo o territorio destacando, ademáis, a figura dun literato ao que dalgunha maneira se lle rende homenaxe polos servizos prestados á cultura escrita e/ou oral do seu país. Os actos circunscríbense, sobre todo, ao ámbito político-administrativo e ao ámbito cultural, nomeadamente á comunidade educativa, na que se suceden actividades ao longo da semana relacionadas con este asunto. A maior parte dos xornais do país utilizan a lingua na súa primeira páxina e os rapaces e rapazas non van á escola.
O resto dos ámbitos, en xeral, fican mudos e fan oídos xordos a toda esta parafernalia reivindicativo-conmemorativa como se non fose con eles, ainda que tampouco se escoiten reparos á súa existencia na maior parte das opinións, porque non estorba e 24 horas pasan de camiño.
Un deses gremios que obvian a presenza da lingua é o dos que se adican (nos adicamos) a tratar habitualmente con turistas, persoas que na súa maioría veñen de fóra e nada teñen a ver co conflito lingüístico que parece habitar Galicia, nin lles interesan, a priori, os problemas endóxenos dunha lingua proletaria. Simplemente, porque para eles, para nós, a lingua galega, se queremos, non existe.
Non existe, se queremos, porque nós non somos axentes culturizadores obrigados ao uso por lei dunha lingua nas nosas rotulacións, por exemplo. O uso do castelán como lingua da que partir sáenos máis a conta porque case non existen turistas do modelo Concienciados  por Escoitar a Sonoridade Galaica en Galego. Velaí o esforzo de tantos galegofalantes pequenos hostaleiros sen intrución que se desgañitan por articular unha lingua que non é a súa, mentres lle indican ao turista castelán falante, por exemplo, como chegar a San Andrés de Teixido.
O cliente busca facilidades na comunicación. Se o turista fala castelán, é obvio que, de ser posible, se lle fale en castelán, sempre que se saiba facer, se o turista é de París, de London, de Roma ou de Barcelona…, e se se sabe, se lles fale na súa lingua propia, isto é, o francés, o inglés, o italiano e o catalán… respectivamente. Se o visitante é brasileiro, o que debería ser habitual, no noso contexto, é o uso do galego-portugués e non do inglés, obviamente. Sempre, claro está, como deferencia de cara ao visitante e por facilitar a comunicación.
Pero as cousas non sempre suceden á par da teoría.
Compréndase que o nivel de intrución idiomática da maioría dos que atenden (atendemos) a estas persoas soe ser bastante deficiario, ou iso observamos nós, sobre todo no ámbito rural, e  as posibilidades de elección do código a aplicar sexan case nulas, por iso resulta un grande alivio a lingua universal da mímica aplicada ao turismo, moi socorrida se o visitante é xaponés, chinés ou noruegués, que non hai quen os entenda, aínda que tamén se utilice con forasteiros procedentes de países próximos. Isto último (o dos países próximos) acontece por desleixo lingüístico de quen non só non apreza a súa propia lingua minorizada e minoritaria, senón que soe incluírse na mesma tipoloxía de individuos que tampouco se ocupan abondo da aprendizaxe de linguas que non lles son naturais, como o inglés ou o francés, que son linguas con moito prestixio internacional. O virus soe atacar por todos os lados, non só por un.
Metidos xa na broza das linguas, todo é posible en calquera ámbito, tamén no turístico-especializado, queremos dicir, profesionais que pre-supoñemos cualificados para o desenvolvemento da súa función, que é a de ser guía, intrutor e orientador de quen non sabe e non coñece, e que cando menos debería dominar a  lingua propia de Galicia, a lingua do Estado, o inglés, por ser esta última a máis falada e de maior prestixio; tamén o francés, como lingua allea de proximidade xeográfica. Dominar supón, evidentemente, distinguir entre unhas linguas e outras, e non mesturar entre elas, por exemplo, non dicir: “My mère is jolie”, como tampouco “La carballeira queda cerca de aquí” senón “El robledal se encuentra próximo”

Sería un grande avance que as autoridades educativas desde a escola básica ata os niveis superiores de turismo, alí onde vaian desempeñar o seu posto de traballo se preocupasen pola intrución destas persoas tamén no tocante ao aprezo da lingua propia, por ser ésta patrimonio de todos, que debemos respectar, comprender, valorar e utilizar a cotío, porque educar é, ademais de acadar coñecementos abtractos ou concretos, evadir prexuízos para vivir con maior liberdade. Neste sentido, os prexuízos asociados entre linguas-nacións-estados-ideoloxías-intereses partidarios son moitos e aboian no pensamento único que se pretende acadar, segregando sempre ás linguas que restrinxen as súas funcións aos ámbitos de identificación, local, cultural e ás veces administrativo. 
A folclorización das linguas e unha arma a favor dos aniquiladores que pretenden minorizar e minusvalorar. 
Xa sabemos que Galicia non se atopa entre as grandes potencias económicas mundiais, nin Portugal, nin O Brasil  e que o criterio unificador estatal no que vivimos pesa moito. A hipocrisía dos que gobernan calla nas cabezas dos non sensibilizados coa cuestión lingüística e déixanse levar, porque queren, é máis cómodo e poden vivir nun país de lingua A falando tan só a lingua B. É esta unha evolución natural? O feito de nós escribir en galego neste blog ou entre nós redunda na perda de clientes ou quizás deberiamos facelo só en castelán?
Temos moita sorte de contar con clientes sen prexuízos neste sentido. Os clientes van e veñen, os que viven noutras partes do estado pasan alí 11 meses de 12 ao ano, e pouco ou nada lles preocupa o uso da lingua galega. Como temos a sorte de saber falar castelán, pois comprendémonos á perfección, cando eles desaparecen da nosa vista, nós somos libres de elexir unha lingua ou outra nas nosas conversas e escritos, porque estamos concienciados neste sentido, pois doutra maneira non seriamos plenamente libres. Estar concienciado non quere dicir dominado por unha idea ou ideoloxía que se presupón válida, senón saber que o feito de falar galego habitualmente non restrinxe as nosas capacidades intelectuais, nin profesionais, nin relacionais, senón que as incrementa, ademais de enchernos de orgullo e dignidade como galegos que somos. Nós nos queremos linguas de prestado que veñan encher ocos e deficiencias inexistentes, pois non precisamos delas, queremos poder usar outras linguas porque nos convén por diversas razóns, por iso ás veces escribimos en castelán na cabeceira ou na sidebar do blog, porque sabemos que grande parte dos nosos clientes potenciais son castelanfalantes.  Eses clientes saben que a lingua propia de Galicia é o galego, e acéptano como tal. Algúns incluso o agradecen porque lles resulta tan indíxena, que non se poden resistir a chamar. O inglés utilizámolo como lingua franca e o francés só cos franceses, que aínda que saiban falar un pouco de castelán, nós poñémosllelo aínda máis fácil. Son as normas de procedemento e a nosa actitude individual na relación cos clientes.
Este último parágrafo resulta moi fácil de escribir, porque é froito da reflexión e experiencia individuais, pero o problema sabemos que reside na cuestón social endóxena no seu conxunto.
Pero ese é outro asunto que non debemos nin queremos tratar aquí.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Concordo.

LOO ROCK dijo...

Caros Amigos,
Precioso este traballo. Comecei a interesar-me pola lingua galega e aprender as primeiras palabras nos xornais Voz ou Faro. Pero vexo con tristeza que moitos galegos cando pregunta por que non falan a súa lingua, dinme que non saben ... como é posible? Sempre que podo e sei cando estou en Galicia, falo a súa lingua, leo os xornais ou os libros en galego, escoito a música en Galego. Entón por que non falan en galego? A TVG debería contribuír a chamar a atención, pois non é bo sermos colonizados e escravizados polas outras culturas. En Portugal, fortes intereses do Brasil, obrigaron a facer un novo acordo ortográfico, fomos obrigados ... agora ninguén se entende ao escribir como se fosen dúas linguas.Eu proprio escribo o blogue xentedegalicia con temas desta tan fermosa rexión e por veces mal amada.

Dirección dijo...

Si que saben, Loo Rock. Non falan galego porque se supón unha lingua sen oportunidades. Ou ese é o discurso instalado nalgunhas conciencias. Pero o tema é máis amplo e complexo. Grazas por comentar. Saúdos.

Publicar un comentario