Neste
xa pasado 17 de maio –como todos os 17 de maio en Galicia- celébrase o Día das
Letras Galegas. É un día de festa e reivindicación (algúns máis ca outros) no
uso da lingua e exaltación da literatura
propia. Co gallo desta desculpa organízanse actividades por todo o territorio
destacando, ademáis, a figura dun literato ao que dalgunha maneira se lle rende
homenaxe polos servizos prestados á cultura escrita e/ou oral do seu país. Os actos
circunscríbense, sobre todo, ao ámbito político-administrativo e ao ámbito
cultural, nomeadamente á comunidade educativa, na que se suceden actividades ao
longo da semana relacionadas con este asunto. A maior parte dos xornais do país
utilizan a lingua na súa primeira páxina e os rapaces e rapazas non van á
escola.
O
resto dos ámbitos, en xeral, fican mudos e fan oídos xordos a toda esta
parafernalia reivindicativo-conmemorativa como se non fose con eles, ainda que
tampouco se escoiten reparos á súa existencia na maior parte das opinións,
porque non estorba e 24 horas pasan de camiño.
Un
deses gremios que obvian a presenza da lingua é o dos que se adican (nos
adicamos) a tratar habitualmente con turistas, persoas que na súa maioría veñen
de fóra e nada teñen a ver co conflito lingüístico que
parece habitar Galicia, nin lles interesan, a priori, os problemas endóxenos
dunha lingua proletaria. Simplemente, porque para eles, para nós, a lingua
galega, se queremos, non existe.
Non
existe, se queremos, porque nós non somos axentes culturizadores obrigados ao
uso por lei dunha lingua nas nosas rotulacións, por exemplo. O uso do castelán
como lingua da que partir sáenos máis a conta porque case non existen turistas
do modelo Concienciados por Escoitar a
Sonoridade Galaica en Galego. Velaí o esforzo de tantos galegofalantes pequenos
hostaleiros sen intrución que se desgañitan por articular unha lingua que non é
a súa, mentres lle indican ao turista castelán falante, por exemplo, como
chegar a San Andrés de Teixido.
O
cliente busca facilidades na comunicación. Se o turista fala castelán, é obvio
que, de ser posible, se lle fale en castelán, sempre que se saiba facer, se o
turista é de París, de London, de Roma ou de Barcelona…, e se se sabe, se lles
fale na súa lingua propia, isto é, o francés, o inglés, o italiano e o catalán…
respectivamente. Se o visitante é brasileiro, o que debería ser habitual, no
noso contexto, é o uso do galego-portugués e non do inglés, obviamente. Sempre,
claro está, como deferencia de cara ao visitante e por facilitar a
comunicación.
Pero
as cousas non sempre suceden á par da teoría.
Compréndase
que o nivel de intrución idiomática da maioría dos que atenden (atendemos) a
estas persoas soe ser bastante deficiario, ou iso observamos nós, sobre todo no
ámbito rural, e as posibilidades de
elección do código a aplicar sexan case nulas, por iso resulta un grande alivio
a lingua universal da mímica aplicada ao turismo, moi socorrida se o visitante
é xaponés, chinés ou noruegués, que non hai quen os entenda, aínda que tamén se
utilice con forasteiros procedentes de países próximos. Isto último (o dos
países próximos) acontece por desleixo lingüístico de quen non só non apreza a súa propia lingua minorizada e minoritaria, senón que soe incluírse
na mesma tipoloxía de individuos que tampouco se ocupan abondo da aprendizaxe de
linguas que non lles son naturais, como o inglés ou o francés, que son linguas
con moito prestixio internacional. O virus soe atacar por todos os lados, non só
por un.
Metidos
xa na broza das linguas, todo é posible en calquera ámbito, tamén no
turístico-especializado, queremos dicir, profesionais que pre-supoñemos
cualificados para o desenvolvemento da súa función, que é a de ser guía,
intrutor e orientador de quen non sabe e non coñece, e que cando menos debería
dominar a lingua propia de Galicia, a lingua
do Estado, o inglés, por ser esta última a máis falada e de maior prestixio;
tamén o francés, como lingua allea de proximidade xeográfica. Dominar supón, evidentemente,
distinguir entre unhas linguas e outras, e non mesturar entre elas, por exemplo,
non dicir: “My mère is jolie”, como tampouco “La carballeira queda cerca de
aquí” senón “El robledal se encuentra próximo”
Sería
un grande avance que as autoridades educativas desde a escola básica ata os
niveis superiores de turismo, alí onde vaian desempeñar o seu posto de traballo
se preocupasen pola intrución destas persoas tamén no tocante ao aprezo da
lingua propia, por ser ésta patrimonio de todos, que debemos respectar,
comprender, valorar e utilizar a cotío, porque educar é, ademais de acadar
coñecementos abtractos ou concretos, evadir prexuízos para vivir con maior
liberdade. Neste sentido, os prexuízos asociados entre linguas-nacións-estados-ideoloxías-intereses
partidarios son moitos e aboian no pensamento único que se pretende acadar,
segregando sempre ás linguas que restrinxen as súas funcións aos ámbitos de
identificación, local, cultural e ás veces administrativo.
A folclorización das
linguas e unha arma a favor dos aniquiladores que pretenden minorizar e
minusvalorar.
Xa
sabemos que Galicia non se atopa entre as grandes potencias económicas mundiais,
nin Portugal, nin O Brasil e que o
criterio unificador estatal no que vivimos pesa moito. A hipocrisía dos que
gobernan calla nas cabezas dos non sensibilizados coa cuestión lingüística e
déixanse levar, porque queren, é máis cómodo e poden vivir nun país de lingua A
falando tan só a lingua B. É esta unha evolución natural? O feito de nós
escribir en galego neste blog ou entre nós redunda na perda de clientes ou
quizás deberiamos facelo só en castelán?
Temos
moita sorte de contar con clientes sen prexuízos neste sentido. Os clientes van
e veñen, os que viven noutras partes do estado pasan alí 11 meses de 12 ao ano,
e pouco ou nada lles preocupa o uso da lingua galega. Como temos a sorte de
saber falar castelán, pois comprendémonos á perfección, cando eles desaparecen
da nosa vista, nós somos libres de elexir unha lingua ou outra nas nosas
conversas e escritos, porque estamos concienciados neste sentido, pois doutra
maneira non seriamos plenamente libres. Estar concienciado non quere dicir
dominado por unha idea ou ideoloxía que se presupón válida, senón saber que o
feito de falar galego habitualmente non restrinxe as nosas capacidades
intelectuais, nin profesionais, nin relacionais, senón que as incrementa,
ademais de enchernos de orgullo e dignidade como galegos que somos. Nós nos
queremos linguas de prestado que veñan encher ocos e deficiencias inexistentes,
pois non precisamos delas, queremos poder usar outras linguas porque nos convén
por diversas razóns, por iso ás veces escribimos en castelán na cabeceira ou na
sidebar do blog, porque sabemos que grande parte dos nosos clientes potenciais
son castelanfalantes. Eses clientes
saben que a lingua propia de Galicia é o galego, e acéptano como tal. Algúns
incluso o agradecen porque lles resulta tan indíxena, que non se poden resistir
a chamar. O inglés utilizámolo como lingua franca e o francés só cos franceses,
que aínda que saiban falar un pouco de castelán, nós poñémosllelo aínda máis
fácil. Son as normas de procedemento e a nosa actitude individual na relación
cos clientes.
Este
último parágrafo resulta moi fácil de escribir, porque é froito da reflexión e
experiencia individuais, pero o problema sabemos que reside na cuestón social
endóxena no seu conxunto.
Pero
ese é outro asunto que non debemos nin queremos tratar aquí.
3 comentarios:
Concordo.
Caros Amigos,
Precioso este traballo. Comecei a interesar-me pola lingua galega e aprender as primeiras palabras nos xornais Voz ou Faro. Pero vexo con tristeza que moitos galegos cando pregunta por que non falan a súa lingua, dinme que non saben ... como é posible? Sempre que podo e sei cando estou en Galicia, falo a súa lingua, leo os xornais ou os libros en galego, escoito a música en Galego. Entón por que non falan en galego? A TVG debería contribuír a chamar a atención, pois non é bo sermos colonizados e escravizados polas outras culturas. En Portugal, fortes intereses do Brasil, obrigaron a facer un novo acordo ortográfico, fomos obrigados ... agora ninguén se entende ao escribir como se fosen dúas linguas.Eu proprio escribo o blogue xentedegalicia con temas desta tan fermosa rexión e por veces mal amada.
Si que saben, Loo Rock. Non falan galego porque se supón unha lingua sen oportunidades. Ou ese é o discurso instalado nalgunhas conciencias. Pero o tema é máis amplo e complexo. Grazas por comentar. Saúdos.
Publicar un comentario