En
Santiago de Compostela, nun barrio chamado Belvís, atópase este
emplazamento recentemente acondicionado
que chama a nosa atención. Básicamente, trátase dunha zona de recreo con amplas
zonas verdes, delimitadas por árbores e algúns muros de pedra antigos e
irregulares, que reparten o territorio en parcelas desiguais.
Os
reclamos de Belvís son, fundamentalmente, o paseo e o deporte. É habitual ver
corredores e paseantes que escollen este emplazamento para relaxarse nas poucas
horas de lecer diario, estirar un pouco as pernas e respirar aire puro, mentras
soben e baixan as encostas que caracterizan a súa orografía.
O
parque de Belvís non é un parque calquera. É un parque moi activo e atractivo,
sobre todo nas horas vespertinas, nas que moitos composteláns acoden
regularmente, con raño e aixada, para cultivar a terra que o concello dispón a
tal labor.
As
zonas cultivables están repartidas en pequenos espazos delimitados e numerados,
correspondéndolle a cada pequeno agricultor a parcela suficiente que produza a
cantidade necesaria de xénero para o consumo individual e/ou do núcleo familiar.
Ao pasear pola beirada, alguén afeito a ver
plantacións no rural, non pode menos que comentar certos aspectos que chaman a
súa atención, e de ser posible, neste caso, por sana comparación.
A
primeira xa foi avanzada, e ten relación coa pequena extensión das parcelas,
inconcebible para calquera labrega/o que –á marxe dos que comercializan- non
entenden a agricultura a tan pequena escala, aínda vivindo nun país
minifundista. No peor dos casos, o xénero debe ser autosuficiente para toda a
extensión familiar e os veciños máis achegados da parroquia, alén daqueloutro
que non se consome. Unha horta no medio rural debe posuír extensión abonda para
a plantación das patacas que se comerán durante todo o inverno, cebolín a
esgalla, ademáis de verzas para facer o caldo e que coman as galiñas e os
pitos. Deixamos á parte o cultivo dos nabos e outras especies básicas como os
tomates ou os pementos.
A
segunda ten a ver coa variedade de estilos, sobre todo nas delimitacións e
maneiras de concebir a pequena horta. As máis, sepáranse das veciñas por unha
pasantía de herba acotante; outras son sofisticadas e utilizan cercos de
madeira con porta pequena nun extremo.
A
terceira está relacionada coas técnicas de cultivo. Algunhas son pouco
habituais, como a maneira de dispoñer o terreo para as leitugas, e así, no
canto de facer regos pequenos, -que é a máis utilizada- conforman grandes
levantamentos de terra aplanados nos que se dispoñen as plantas.
Non
sabemos –porque non vimos ninguén, eran as 12 da mañá entre semana- quen son os
agricultores aficionados que elixiron, libremente, adicarse a esta tarefa no
seu tempo de lecer. Non sabemos se son catedráticos de universidade os que alí
acoden cada tarde, se se trata de estudantes avanzados concienciados coa
cuestión ecolóxica, se cadra algúns funcionarios de administración e servizos,
algún monxe Benedictino extraviado que deba cumprir coa norma da súa orde –ora
et labora-, ou algunha ama ou amo da casa que aproveite a ocasión para comer
sano e rico.
As
hortas de Belvís supoñen a dignificación do oficio de cultivar a terra e son un
canto silencioso a todos os agricultores e agricultoras dun país no que esta
tarefa imprescindible nunca tivo a boa consideración necesaria nin a
remuneración precisa. Nas hortas de Belvís, o traballo voluntario de cubrir as
mans de terra convértese nun exercicio de transparencia e satisfacción persoal
ao tempo que invita a reflexión sobre o modelo de
desenvolvemento a seguir, nun punto da liña do tempo marcado polo fracaso colectivo.
A Carmen e Paco
No hay comentarios:
Publicar un comentario