Se
existe algún peixe característico desta época e que supera a todos os demáis
nas preferencias dos grandes consumidores de peixe de por aquí, ese é, sen
dúbida, a sardiña.
Supoñemos
que non se trata de cuestión autóctona, pois os sabores ricos non se aprezan e
consomen por localidades. Calquera vila mariñeira con acceso a peixe fresco
agarda estes días para celebrar o solsticio de verán e espantar as meigas e as
curuxas sempre e cando exista unha sardiñiña coa que mollar o pan, de trigo ou
de millo, pero do país.
A
importancia da sardiña demóstrase por estar moi presente nas coplas
tradicionais das mariñas e, sobre todo, no refraneiro popular. O refrán máis
coñecido quizás sexa o que encabeza esta entrada: “Polo San Xoán, a sardiña
molla o pan” e como cantiga, queremos rescatar aquela que interpreta Amancio
Prada titulada: Señor cura.
Nesta
copla de tradición oral, unha rapariga pregúntalle ao seu tio cura –os curas,
teñen bo dente e soen ser grandes expertos nos segredos da cociña tradicional-,
a maneira de asar as sardiñas.
O
tío señor cura contesta: Ábreselle o lombo/ bótaselle sal/ e cun abanico/ ponse a abanicar.
Velaí
dous grandes consellos. Á sardiña bótaselle sal, preferiblemente gordo, e ásase
nunha lareira ou ao aire libre, logo de queimar uns cantos toros de madeira que
fagan boa brasa. De aí que haxa que abanear. Esta é a maneira máis común por
esta época, porque soe ir bo tempo e apetece respirar o cheirume do fume
purificador aos olfatos máis paganos, sempre mesturado co aroma da sardiña. Erra
o cura, pensamos nós, na limpeza do peixe. Unha sardiña limpa, dirán os
puritanos, é unha sardiña estragada, porque perde a esencia da tripa ao non
soltar o zume-graxa que empapa o pan.
De
seguro que este cura facía as sardiñas lañadas, isto é, limpas de tripa,
abertas a xeito de libro e salgadas abundantemente de un a catro días. Era unha
maneira tradicional de conservar o peixe, para poder comelas cando escaseaban,
ao tempo que permitía unha mellor comercialización. Esencialmente, sustituía á
sardiña fresca e na súa sazón.
Que
sería das aldeas costeiras sen unha boa sardiñada no derradeiro día das festas do patrón. Esas
cuchipandas gastronómicas tamén denominadas Xiras. Nelas o máis común é beber
viño (branco ou tinto) e comer pan e sardiñas. Sempre e cando sexas adulto.
Se
es urbanita, estás farto da palabras vintage, low cost, friki, gafapasta ou
chill out, e che dá un arrebato de
ruralismo, esta é a túa oportunidade. Nese caso convén que traias roupa da máis
cativa que atopes pola casa, para non causar impresión, á par que evitarás o
fedor do teu habillage habitual. Se estás xubilado, non tés obriga de madrugar
entre semana, e che apetece acudir a todas as xiras que se celebren a menos de
60 km da túa casa, recoméndase facelo
cunha periodicidade bienal, para localidades afastadas menos de 10 km. No caso
de non resistir a tentación, convén non comer máis de dúas sardiñas in situ, á
par de non usar tupper.
Imaxe tomada de: http://medelhi.wordpress.com
Imaxe tomada de: http://medelhi.wordpress.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario