PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

PEQUENA VIAXE EN TREN

         Ver pasar un tren sempre me pareceu imaxe de desenvolvemento, algo así como observar un río discorrer ou ver a auga caer, cando é precisa. Se cadra o poema de Curros Enríquez teña algo a ver neste asunto, non sei de certo.
            Tamén penso noutros modos de transporte de mercadurías e xente, como o barco ou o avións, pero os barcos de moito peso e tonelaxe atracan nos grandes portos e os avións despegan e aterran en aeroportos que quedan lonxe de aquí e son usados, coma quen di, en ocasións especiais para longas viaxes.
O tren que pasa por aquí está cerca de nós, é amigable, e detense en moitas estacións. Case cada aldea e vila por onde a liña pasa ten a súa pequena estación ou apeadeiro. Os máis deles fican escondidos pola ramaxe, a broza e os eucaliptos, e non se sabe onde están se non coñeces ben o lugar ou es usuario habitual deste medio de transporte. Así como as estradas discorren polas arterias das vilas e son usadas a cada e cando, os camiños de ferro, distráense e agóchanse, como se, ás veces, tivesen medo de nós, ou nós tivésemos medo deles.
          Algo de medo debemos ter ou, sen medo, cando a realidade alzou como grande vencedor ao coche particular para uso cotián. Lévate e traete, paras cando queres, e se queres, e tomas a dirección e sentido que mellor che acae.
O tren que pasa por aquí é de vía estreita, o FEVE , porque este é o acrónimo de Ferrocarriles de Vía Estrecha. Por ser de vía estreita é aínda máis singular.

          Case ninguén o usa para grandes traslados, a xente quéixase de que fai moitas paradas e non avanza o suficiente, por exemplo, se queres vir desde Xixón ou ir a Ferrol. Esta circunstancia é comprensible.

Tren FEVE na estación de Cerdido. Foto: Toñi García
          Eu case nunca usaba o tren, e sen case, só o facía de rapaz cando comezaba a frecuentar lugares de encontro adolescente e non tiñamos outro medio para desprazarnos que non fose este ou o autobús. Debo dicir que case sempre era o autobús o elixido, e deixabamos o tren como recurso terciario para cando desexabamos facer algo diferente e, en certa maneira, intrigante. O tren nunca foi referencia principal para min, nin para os meus compañeiros de viaxe, porque nos movíamos en manada.
         Logo xa viñeron os coches, as marcas de coches, as velocidades acadadas e os tempos de percorrido entre dous puntos. Sempre por estrada. Que pintaba o tren nesta cultura? Absolutamente nada. Pero a realidade, como nun xogo de maxia, fixo que o tren de vía estreita non desaparecese. Alguén tería que usalo, por tanto, que eu non coñecía. Existía aí ao lado outra sociedade alternativa que me interesaba, porque sen vida e xente, non hai tren, como non hai avións, nin barcos, nin autobuses. No meu imaxinario -coitado de min!- estaban persoas sen moitos recursos que vivían afastadas do progreso real das estradas e dos coches de gama media e alta, e que quedaran ancorados na lentitude das horas e do pensamento. Quizás fosen os habitantes desas casas de pedra semiderruídas que se vían se te sentabas no asento das ventás -que constituían o cú da realidade, que ninguén quería ver ou ignoraba conscientemente-, e que frecuentaban a decadencia e soidade das estacións e apeadeiros mal coidados e inhóspitos.
          Eu, desde a miña xanela, vexo pasar o tren todos os días, varias veces ao día. Desde sempre. Tamén vexo as estacións de Espasante e de Santa Marta, cando me achego por alí, que é acotío.
Nestoutro día tomei o tren. Foi algo impredicible, despois de trinta anos ou quen sabe se algún máis. Non foi por motivos de traballo ou necesidade. Foi por pracer e comodidade.
Resulta que un amigo meu, holandés, afeito a tomar o tren e facer uso do transporte público propúxome unha ruta en bicicleta máis alá dos carreiros e camiños que soemos frecuentar.
Como imos ir ata tan lonxe na bici? E logo voltar? - Preguntei eu.
No problem! We will take the train to return! - Contestou el.
A idea era percorrer camiño nun único sentido, e tomar o tren para a volta.

FEVE na parroquia de Mera, concello de Ortigueira. Foto: Toñi García
          E así o fixemos. Informándose sobre os horarios, só cumpríría chegar a tempo para a volta. Despois de percorrer camiños de terra e algún tamén asfaltado fomos chegar ao Vicedo, xa na provincia de Lugo, onde tomamos o tren, coas nosas bicis, para apeármonos na estación de Espasante. como quen di, xa na casa de volta. Ninguén nos puxo impedimento por subir as bicis canda nós.
        E entón o universo tren tornouse activo para min. E quedei ledo ao observar a existencia de xente afeita ao seu uso. E disfrutei dunha nova perspectiva da miña realidade. E agradecinlle, sen agradecer, terme aberto os ollos a aquele outro universo que eu cría esquecido, vello, e trasnoitado, cando, na verdade, acubillaba toda a potancialidade e forza do progreso ben entendido e completo, aquel que cantaba Curros.