PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

JE SAIS FAIRE LA PATISSERIE

Estaba eu esta mañá sen saber moi ben qué facer. Rebuscando como quen vai ao faiado e atopa obxectos en desuso que xa case nin lembraba, deume por botar man da bibliografía que hai pola casa relacionada coa gastronomía. Todos os libros que temos relacionados con esta disciplina foron mercados pola nosa nai hai xa máis de tres décadas en París, cidade na que os nosos pais viviron durante algúns anos. Daquela a xefa, dona e alma deste negocio adicábase, ademais de a traballar, a facer cursos de cociña e supoño eu que os libros que mercaba tiñan a ver coas súas clases. Cómpre dicir que asistía aos cursos tan afamados posteriormente chamados Cordon Bleu -aí é nada- pero logo deixouno por avatares da vida.
Chámanme a atención moitos, pero hoxe a miña man foi pousarse nun titulado: Je sais faire la patisserie de Ginette Mathiot. Paris: Albin Michel, 1938. O noso exemplar foi impreso no ano 1969, pero é a primeira edición. Non sei se houbo máis edicións ou só existen reimpresións.
É un libro fermoso, con olor a vello, un pouco despegado polo lombo e con algunhas manchas, que lle confire grande nobreza e algunha que outra morriña de tempos pasados.
Na carátula aparece a fotografía dunha muller duns corenta e cinco anos con un peiteado ao máis puro estilo Sara Montiel e que xunto coa súa vestimenta recatada, un pouco Channel, a caracteriza como nai de familia que cociña para os seus… pero tamén moderna, para aqueles anos en Francia, é dicir, que ía cear e bailar co seu home, podía tomar unha ou dúas copas e incluso fumar algún que outro cigarro, podía saír ao cine coas súas amigas e ir elexir modelo a algunha boutique na capital francesa un ou dous días por semana.
A portada é clásica, moi alonxada dos libros estilo 2.0 que tanto se estilan en gastronomía na actualidade, lóxicamente.


As receitas son as de toda a vida, aquelas que tanta sona lle teñen dado á gastronomía francesa: pouddings, brioches, pains, glaces, crêpes, crèmes, compotes, biscuits e tantos e tantos nomes que hoxe en día forman parte do léxico de calquera cociñeiro ou gastrónomo do mundo.
Aparecen moi poucas ilustracións, pero as que hai son preciosas, por seren primarias, como dibuxadas a man alzada. Están en branco e negro e consisten, case todas, en aparellos de cociña que se cadra naquela época non eran tan universalmente coñecidos: moldes de formas variadas para facer galletas, para biscoitos, e algunha ilustración de cómo manipular a masa follada ou cómo enroscala e cortala para facer palmeiras –supoño que daquela as palmeiras eran algo novedoso-


A partir de agora prometo utilizar os seus contidos e elaborar algunha que outra receita deste libro de referencia tan importante e valioso. E xa de paso mellorar o meu nivel de francés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario