PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

O REI CENTOLO

Titulo este post desta maneira lembrando As Covas de Rei Cintolo, en Mondoñedo e porque cremos que este crustáceo é un dos grandes produtos da gastronomía galega  das zonas costeiras, evidentemente.
Existen moitos mitos ao respecto que un non pode saber se son certos ou non. Dise que os mellores meses para a súa degustación son os que levan “r”, dise que é preferible elixir centola ca centolo porque a femia sempre terá máis coral no seu interior.
Se lles digo a verdade, non teño moita idea de cal pode ser a época preferible para consumilos, algúns indícanme que nos meses de marzo e abril e outros que mellor no verán, nos meses de xullo e agosto. O único que teño claro é que en época na que están en veda non se poden consumir e este ano está permitido extraer do mar centolo nos meses de xaneiro, febreiro, marzo, xuño, xullo e agosto. Así o poden corroborar no blog da Confraría de Pescadores de Cedeira, unha vila de pescadores de aquí ao lado.
O que si lles poido contar é que xa teño discutido o meu sobre se se debe comer quente ou se debe comer frío, pois en Galicia, polo que a experiencia me indica, é máis habitual comelo en frío. É costume cocelo o día anterior e deixalo repousar para o día seguinte, incluso na neveira.
Nós comémolo en quente, recén cocido, e pensamos que na nosa zona se degusta sempre en quente, igual que as cigalas, os percebes, as nécoras ou os bois de mar.
Gústanos o seu sabor tal cal, sen aditivos, conservantes, colorantes, cebolas, pementos ou calquera outro ingrediente que se lle poida engadir, como o viño branco tan habitual para acrecentar o caldo que xa de por si debería está bo.
O uso destes ingredientes, se cadra, xustifícase por disfrazar a calidade mediocre do produto, pero isto non é seguro, porque sobre gustos non hai nada escrito, aínda que nós prefiramos degustalo como a natureza nolo presenta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario