PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

A BREVE HISTORIA E BREVE VIDA DUN MERLIÑO NOVO.

Eran as doce da mañá cando un merliño novo e preto, chocaba contra o cristal impoluto que entorpecía o seu voar, nun día calquera da primavera do ano 2011. Non sabía o paxariño que hai cousas que non se ven a simple vista, pero que obstaculizan o camiñar airoso e ledo dos que campan libremente polo espazo da inocencia absoluta. Como ía saber o paxariño que os homes constrúen casas con grandes fiestras transparentes, polas que pode entrar a luz no espazo propio, pechado, a un tempo carcelario e libre, da intimidade física na que poder realizarse en plenitude, sen máscaras que os protexan do resto dos individuos da súa especie.
De primeiras foi un estrondo, que nos sorprendeu a todos. A seguir, vimos o paxaro tirado no chan, rendido, coas patas cara arriba, inmóbil nun primeiro instante, que durou uns dous ou tres minutos, mentres as súas ás asimétricas e sumidas no caos da inconsciencia temporal, convalecían nunha loita silenciosa por recuperar o alento.
De súpeto, chegou unha man amiga, que colocou o pequeno merlo preto en posición erguida, de xeito que novamente puidese ver o mundo desde unha perspectiva recoñecible e equilibrada.  Era cuestión de tempo. Sosterse en pé foi o principio dunha nova etapa de voos libertarios pola inmensidade do ceo. Daquela aínda non movía a cabeza, e o pico continuaba entreaberto. Os ollos non daban sinal de vida, fitaban nun punto de fuga inmaterial e arredado da ubicación presente,  mais o parado equilibrio era sinal de recuperación.
Continuas palmadas co dedo índice da man amiga e liberadora acompañadas do repouso necesario, fixeron que o paxariño preto e novo comezase a dar agora as primeiras zancadas, aínda un tanto imprecisas e que, acompañadas de aleteos desacompasados, lle axudaban a recuperar aínda máis a firmeza.
Alí quedou o merlo preto pelexando durante outros dez ou quince minutos ata que nun intre de lucidez física e mental, retomou o voo novamente coa inseguridade de quen se sente marcado por un incidente fortuíto e fatal que incidiría notablemente no futuro de maneira irreversible.
Dez minutos máis tarde o noso amigo malfadado retornaría ao lugar dos acontecementos, co aturdimento dun novo golpe contra o mesmo cristal transparente. Non sabemos se este segundo golpe foi consecuencia do apampamento do primeiro ou se como un elefante, escolleu ese lugar  para pasar os derradeiros intres de dor e óbito.
Esta vez a situación non tería volta. “Xa nunca máis emprendería o voo”. A man amiga que unha vez o reanimara, agora levábao espido cara á cuneta onde morará para sempre, debaixo da herba seca en descomposición. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario