Onte camiñaba por unha travesía que non sabía a onde levaba.
Era venres pola tardiña nunha vila das de por aquí –tanto ten o nome-. Non sei
cal foi o motivo que me levou a pasear por alí, quizás o cansazo de repetir os
mesmos lugares e ambientes ou o gusto que un ten de indagar novas rutas para,
se cadra, atopar novos personaxes máis alá do que se está habituado a ver nesas
horas dese día da semana.
Unhas veces soa a campá e outras non. Cando un non sabe o
material que procura é difícil atopalo, aínda que calquera poida imaxinar
aquilo que máis lle gustaría que pasase nese preciso instante e que nos máis
dos casos se soe negar, quizás poder ir
a un concerto dun artista admirado, visitar
un país lonxano que nos atraía, atopar a unha persoa coñecida concreta para poder falar con ela, desas que nos agradan
e viven moi distantes de nó, e que case nunca vemos, ou algo que poida resultar
máis simple e probable, atopar un local que nosfaga “pim” e e que se distancie,
na forma e no fondo, de todos os demáis.
A que tipo de local me refiro?
Refírome a un local sen-ambiente, ou anti-ambiente, ou
contra-ambiente, se entendemos por ambiente a un grupo máis ou menos tumultuoso
de xente impersoal e común, ou que poida
pertencer a un grupo definido de individuos que se afasten doutros individuos con outras características diferentes: bares
habituais de copas, bares habituais de viños e tapas, pubs nocturnos de tribos
diversas, ou sen ser de tribo, bares que agrupan os individuos por ideoloxías, quizás deses nos que en hora punta poida un
cheirar moitas colonias, competir en grandeza, en beleza, en interese, en
estilo no vestir, en estilo na mirada, en estilo na ausencia de mirada, ou na posición e colocación no medio …
Estes locais aos que me refiro están situados lonxe dos outros, nun calexón sen saída, nunha rúa
afastada do centro, ou pode que no centro pero nun entrante da rúa que ninguén
ve ou case ninguén quere ver, quizás se sitúe fóra da vila, pero ninguén mo dixo.
Por iso eu me afastei naquel instante, para ver que podía
haber por alí. Era cedo, aínda non caera a noite, e tanto tiña alonxarse un
pouco máis abaixo. ¿ Atoparía alguén ou algo interesante , un mariñeiro recén
chegado do mar con xersei de la verde que contase a historia da galerna, un
cura solitario facendo crucigramas que acompañase a conversa? Unha labrega sen afeitar falando coa veciña de electrocardiogramas e
ósos metacarpianos tamén me valería, sería como unha custosa terapia
antidepresiva. Hai xente no mundo! pensaría… e deixaría de sufocar.
Ao cabo duns intres alguén me reclamou.
Era o Alberto, quería entar na Taberna do Faiado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario