PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

QUE QUEDARÁ DE NÓS?

                 É tal a perda poboacional deste lugar, que chego a pensar que o mundo deixa de existir. Ese mundo que engloban Viveiro e Ferrol e Lugo ou Vigo, por exemplo, deixaron de existir. Non os bens inmobles ou mobles, senón a xente. E que se quixese ir pasear ou xestionar calquera asunto, non existise máis ca o xestionador e eu e o resto fosen casas baldeiras que comezasen a derrubarse.
                   Sinto pena,  isolamento, impotencia e un pouquiño de esperanza, pero esta non sei de onde vén.
                 Non é unha desaparición que veña como consecuencia de calquera elemento explosivo, ou peste, na que a poboación que queda se alie para unir forzas en contra da opresión ou da desgraza. Non! Porque no meu maxín non hai desgraza nin opresión. É cuestión de selección natural, na que nos toca perder porque somos máis débiles ou ben aínda sendo máis fortes, non tivemos as azas abondas para conquerir a continuidade da especie.
                Se penso no resto do mundo, como dicía, quérome referir ao mundo de aquí, non sei exactamente cantos quilómetros, nen se a nulidade se afastaría máis alá da Iberia, o que sí sei é que por aquí cerca a xente que quedase, tería a obriga de coñecerse, falar e compartir vivencias entre sí, e algunha vez, por acaso, podería relacionarse con alguén que pasase, pero temporal e fugazmente.
               Cada día un novo caso chega aos meus oídos, ás veces non son feitos consumados, senón intentos ou pretensións de fuxida, como se a xente estivese segura de que o cambio de lugar xerase maior felicidade.
               Se o meu subconsciente quere ir a outros países, normalmente vai á China, Xapón, Brasil, os Estados Unidos e Londres -onde se aprende inglés, todos van alí aprender inglés-. Son lugares onde se reunirían os escapados, porque nestes lugares é onde máis xente se acumula, ou a el parécello. Se puidese (el) poría un anuncio -non penso axudarlle a tal labor- reclamando, non aos ausentes vivos e escapados, senón xente descoñecida da que sobrase neses lugares superpoboados para encher os ocos que aquí quedaron nas casas, e as habitasen. Só os ocos, nada máis que os ocos. Para que máis?
              Seríalle igual a raza ou a condición social, incluso se decantaría pola variedade de razas e de cores, se puidese elixir, para fundar unha nova orde social local de varietés.
             Non me pregunten polo traballo, porque non sei de que viviría tanto novo inquilino. Algo seguro que ía aparecer. Por exemplo, ao sermos máis xente, crearíamos unha área de autoservizo na que intercambiaríamos bens uns cos outros, mercaríamos e venderíamos inter nos e tamén co exterior -porque o comercio sería libre- se houbese alguén disposto a permutar, ben fose por propio interese ou mediante subvención a fondo perdido que redundase no noso beneficio, claro está. Ao sermos máis votantes, haberíamos recibir tamén maior atención.
             Logo xa viría o resto. O bo e tamén o malo, o decente e o indecente, o correcto e o incorrecto, o decoroso e o indecoroso, o sublime, o normal e o anormal -segundo os distintos criterios-, as pelexas , o monte queimado, a mestura racial, a mestura idiomática, os problemas de clase, os guetos, as novas creacións, as novas ordes relixiosas, as novas formas de organización social e política,  as novas correntes literarias e artísticas, as novas formas de goberno e convivencia, aínda por inventar, e tamén os novos mitos e feitos refundacionais.

           Cando viaxo a vilas cercanas máis grandes ou a cidades que cría desaparecidas, aínda que sexa pertiño, esperto deste soño e vexo que alí aínda existe xente que fala nas rúas, e que participa en eventos culturais, verdadeiramente culturais, e que aínda queda masa humana suficiente como para formar conxunto en caso de catástrofe recoñecida por todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario