PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

COMER O DIÑEIRO

Xa tiña claro que nos tempos que corren o diñeiro é a medida de todas as cousas. Tanto tés, tanto vales. Pero nunca pensei que poderiamos chegar a este extremo, o extremo de comer, literalmente, os cartos.
Igual é que non estou moi posto en lamboadas deste tipo, aínda que recoñezo que en ocasións consumo bolería industrial, como tanta xente. Pero é que hai uns días atopei uns nenos comendo papeis pola rúa. Deume que pensar o asunto e pregunteille ao consumidor.

- Que comes?
Ao que me contestou.
- Son billetes como de papel.
- E a que saben?
- Son como las ostias del cura pero con azúcar.

Deume que pensar o asunto e, na verdade, chamoume moito a atención este novo xeito de márketing para nenos. Igual xa non é un produto novo e é que eu estou algo desfasado. Coñecía as pulseiras de goma con formas distintas, os Gormitis, os cromos de fútbol, pero en asuntos de lambetadas quedei nos Palotes, nos Loli pops, nas noxentas dentaduras gominola e nos Peta Zetas, que estombaban na lingua ao entrar en contacto coa saliva.
Nunca puiden imaxinar que chegaran a inventar obleas deste tipo, con forma de billete para atraer a curiosidade infantil e así crear unha forma distinta de divertimento gastronómico.
Lembro que existían, sendo eu neno, paquetes de tabaco de chocolate, e supoño que aínda seguirán a existir, e que non mos mercaban meus pais porque disque fomentaban o tabaquismo. E as obleas estas non fomentarán o materialismo e o consumismo?. Pero claro, estes dous últimos ismos son considerados socialmente valores positivos, porque a vida consiste no exercicio de acumular riquezas materiais. Cantos máis bens deste tipo se posúan, maiores posibilidades de acadar a felicidade. Aínda que, como vostedes ben saben, os cartos axudan pero non outorgan o don da felicidade. Xa, xa, entendo… .
E digo eu, en vez de utilizar motivos pecuniarios non podían adornalos con dibuxos doutro tipo, non sei, quizás personaxes de contos ou ídolos musicais do tipo Justin Beaber ou Hannah Montana, mesmo con paisaxes marabillosas que espertasen a curiosidade por coñecer novos mundos. Aínda que pensándoo ben, poden ser moi útiles nos colexios, como actividade de motivación, para aprender a contar os cartos ou para a asimilación dos números decimais, sempre e cando os xuntemos coas tabletas de chocolate en forma de moedas.
Segundo me explicaba una nena amiga miña, existen billetes-oblea con azucre de varios tamaños e varios valores. O seu prezo é de 0,10 céntimos de euro, máis caros ca o papel de Estado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario