PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

XUDÍAS VERDES PINTADAS

Como me gustan estas xudías pintas ou pintadas, como nós lles chamamos. Foron un agasallo dunha amiga que cada ano nos trae por estas datas dúas ou tres bolsiñas cheas delas.
Son de cultivo ecolóxico.
Eu agárdoas cada ano con grande ansia, porque están entre os meus manxares preferidos.
Nós fervémolas en auga con tres ou catro patacas troceadas ao xeito. Á parte troceamos uns tacos de xamón, que incorporamos ao aceite de oliva e ao allo cortado tipo chips ademáis dunhas tres culleradas sopeiras de pemento doce.
Quitámoslles a auga sobrante da cocción e bañámolas co rostrido de xamón, allo e pemento.
Finalmente, decoramos a parte superior con ovo cocido troceado en cuartos.
Ao cocelas perden as súas pintadas e quedan totalmente verdes.
Mesmo cocidas cunha pataca e unha cenoria, con un pouco de aceite de oliva virxe extra por riba quedan deliciosas. Non é preciso estar cocendo e recocendo media mañá para que se poñan tenras, e tampouco é preciso quitarlles os fíos dos lados como as xudías de fóra de tempada e cultivadas en invernadoiros. Tan só lles quitamos ao retorzón (á man retorcendo) as puntas dos extremos, para logo trocealas, tamén coa man,  en dúas ou tres partes dun tamaño similar.
Eu, persoalmente, agardo xa a próxima quenda de xudías verdes pintadas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario