E como o mundo anda algo tolo, o blogger non podía ser menos. Semella que días atrás decidiu, por conta propia, restrinxir o número de ferramentas dispoñibles para os seus usuarios. Algunhas das eliminadas, extraviadas ou entolecidas son útiles, aínda que non imprescindibles, e por iso non teñen tanta importancia. Outras, son de transcendencia vital para quen un día se decide a escribir e facer público aquilo que redacta, con vergoña ou sen ela. O caso é que, como se aprecia a primeira vista, no texto que estás a ler, os diferentes parágrafos non aparecen separados entre sí por un aparte e salto de liña. Por iso, queremos pedirche disculpas se che resulta incómodo ler todo de seguido. Supoñemos que o Google reparará estas deficiencias en breve espazo de tempo, porque queremos pensar que non se trata dun problema propio de falta de destreza no uso, despois de varios anos continuados publicando entradas coa mesma aplicación.
Ademáis desta aclaración, queremos presentarvos esta foto de navallas –non confundir con longueiróns- que tivemos oportunidade de cociñar hai non moito tempo, porque nos parecen un dos bivalvos máis finos que se poidan atopar no mercado. Estas proceden da Ría do Barqueiro e O Vicedo. Todo parece indicar que se trata dunha especie que cada día que pasa escasea máis, e por iso chega a acadar prezos moi elevados. Non sabemos se este fenómeno carencial é resultado da evolución natural das rías e da especie, ou se son as mans inexpertas dalgúns homes e mulleres as que non permiten a súa rexeneración ordinaria. Sexa o que quixer, cómpre -cando un pode permitirse ese luxo- cociñalas con moito tento, como se fosen un tesouro insustituible, para non ter que lamentar, a posteriori, as torpezas cometidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario