Para
un galego normal e corrente, coma min, os tipos máis coñecidos de olivas son
cinco: Olivas verdes (sen madurar), olivas negras (maduras), con óso, sen óso e
recheas de anchoa. As de maior consumo son as olivas verdes con ou sen anchoa,
que habitualmente se comen tal cal veñen, en bote ou en bolsiña de plástico
transparente, que permiten a súa conservación no líquido, sen que se derrame
nin unha soa pinga. As olivas negras -que sempre veñen en bote con abertura
fácil tirando da lapela e que só existen dunha marca, non de dúas ou máis-,
alomenos no rural, considéranse un tanto exóticas, pois hai cousa de dúas
décadas ou quizás un pouco máis, que se ofertan nas cadeas de supermercados
instalados pola zona e que viñeron substituír os tradicionais ultramarinos, que
son tendas rurais de alimentación rexentadas por unha familia.
Sabemos
os indíxenas do lugar que as olivas verdes pódense comer soas e que están moi
ricas, por iso as consumimos, fundamentalmente, como aperitivo perezoso, isto
é, cando non temos tempo de preparar un bocadiño de chourizo fritido con pan,
abrimos o bote e voilá! o aperitivo para acompañar o vermú. Isto non é moi
orixinal e queda un tanto cutre, sobre todo se o convidado é unha miguiña
esixente, pero polo menos podemos fachendear de ter posto aperitivo, que non é
pouco. Outras veces son complemento de aperitivo, é dicir, intercalámolas entre
outros aperitivos ou pinchos, porque non custa nada facelo e danlle un toque de
fresco verdor, ademáis dunha textura de canto rodado que queda fenomenal e fai
abundante, aínda que neste caso soan quedar intactas.
E,
evidentemente, son moi usuais en ensaladas e en ensaladiña rusa, sen óso, para que o comensal non teña que quitar as pebidas na propia boca ao tempo que come o resto dos ingredientes, para despois
vomitalas no garfo ou no propio prato. Queda feo.
É
moi común, ademáis, atopalas nas cidades, en tendas de larpeiradas de nivel, en
caixonciños-acuario. Sabemos que para collelas cómpre usar unha culler con
buratos, e así deixar a auga no estanque, de xeito que non sequen as que quedan.
Nestes establecementos hai outros tipos diferentes aos dos supermercados
habituais. Hainas moito máis grandes, con pepino, con ceboliñas e con outros
ingredientes adicionais.
Velaquí
a nosa cultura da oliva como produto gastronómico primario. Supoñemos que non é
grande cousa, cando ao pasear por un mercado calquera dunha cidade estranxeira
do norte europeo, atopamos este despregue de produto que nos deixa coa boca
aberta e moitas ganas de probar tanta variedade de aromas e sabores: con allo,
con guindilla, con herbas aromáticas, con tomates secos hidratados, con queixo…
Nós,
que pensabamos que viviamos no país das olivas, aínda que só fose de maneira
tanxencial, viñemos atesourar que non
era así e que, naturalmente, para os indíxenas deste lugar, en xeral, a oliva é un produto alleo aínda que de uso
propio e reducido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario