E,
por fin, chegou o entroido.
Hoxe
é martes de entroido, o día máis cocho.
Está
permitido, por bondade de San Antoniño Abade, o eremita-santo e austeiro, coidador de
animais, sempre representado cun cocho
aos seus pés, levar á boca ao animal máis venerado e sacrificado da gastronomía
galega. Semella que nada teñen a ver os santos nesta festa do travestismo, da sátira, da carne lixeira, da troula enmascarada -os foleiros andarán hoxe polos camiños con roupas de antano- e tamén da gula.
Neste día, xantaremos sobre todo cocho. Comezaremos pola cachucha, coceremos os chourizos
e a costela, engadirémoslle uns pedaciños de carne fresca de tenreira e a
metade dun polo caseiro. Con todo isto faremos un bo pucheiro, que rebaixaremos
cun pouco de auga para conseguir unha sopa sustanciosa, pero nada graxenta. Se
lle arrimamos un botelo –con ou sen ósos- a calidade do caldo mellorará en
sabor e cor. Os garavanzos, os grelos e as patacas farán de gornición, e
complementarán o sabor do bocado. Serán uns grelos tenros, das montañas de por
aquí, cultivados nos terreos mellor estercados, nacidos e criados lonxe do
vento mareiro, ao que nada lle importa o entroido.
Para
postre, adornaremos a mesa coas bolas de entroido –que facemos por aquí-, unha
especie de orella, pero máis grosa e que fai máis bocado. Finalmente, unhas
filloas requentadas con manteiga e, se lle cadra, unhas culleriñas de azúcre,
ou uns fiíños de mel, tamén serven unhas pingas de limón. Os máis modernos
adubaranos con chocolate, nata, ou se lle prace, algún licor.
Hoxe
non cómpre elección, o menú está elixido, por tradición.
Materia prima para unha entroidada |
No hay comentarios:
Publicar un comentario