PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

LABREGOS CON BIBLIOTECA

Se o país medrase cunha taxa de crecemento económico óptimo, poderia acadar cotas de desenvolvemento acorde cos tempos?
Que implicaría iso?
Crearíase máis traballo? Para quen? Onde? A poboación de Ortigueira acrecentaríase? Poderiamos ter un corredor da costa completo en breve tempo, ou cumpriría agardar un lustro a que as comunicacións coa miña comarca fosen as aceptables?
Se o crecemento fose o requerido para seguir avanzando, falaríase máis galego nas cidades e os nenos e nenas, á parte do castelán e do inglés como terceira lingua?
Se cadra non habería tantos eucaliptos, porque as familias terían máis recursos sen necesidade de plantar sen xeito. Ou o xeito non ten a ver coa necesidade? Habería maneira de atallar o criterio das plantacións de tal modo que puidesen convivir aproveitamento forestal e dereito á vista desde a cima dalgún outeiro?
Non sei, pode ser que con árbores de menor tamaño tipo mazairas, castiñeiros e carballos, ou fomentando o labradío, con hortas de leitugas, patacas, cebolín, cebolas, allos e cenorias -que é o que sempre se cultivou por aquí- servise para que parte da poboación se realizase de xeito ordenado, sustentable e digno.
Eu téñoo bastante claro, iría mercar, de contado, allos e cebolas e pementos e leitugas e algo máis se alguén os cultivase de maneira ecolóxica, e ben estercado. Sería o meu supermercado vexetal favorito, por ser natural e por estar asentado no meu concello e xerar postos de traballo con cotización á Seguridade Social.
Non obstante, son bastante escéptico con este tema. Paréceme cousa doutras xeografías. Por que? Non o sei. Se cadra por terme criado coa riqueza do mar e ollar para atrás e observar o fracaso agricola e gandeiro, en termos xerais, no mundo que me rodea.

Haberá quen merque produto suficiente para que dea para vivir a unha ou varias familias de xeito digno, alomenos?
Nunca coñecín ninguén por aquí que vivise diso, da maneira que eu teño na cabeza: con unha boa casa, -ben pintada, de branco ou tonos claros, non demasiado grande-, rodeada dun campo con flores en macetas -ou sen elas- e un camiño de pedra que dea á porta. Ah! e un coche, non de alta gama -non convén perderse en arroutadas dese tipo- no garaxe, que podería estar adosado á casa, pintado a xogo e na mesma cor; e tan sequera o dereito a uns días de vacacións de cando en vez, pagadas por un mesmo, aínda que non fose para subir á lúa, -pois nada diso se precisa-.
A plantación do meu imaxinario, estaría situada nun val e tería compartimentos de especies de cultivo, e dentro de cada especie habería pintiñas máis ou menos regulares que conformarían as unidades de cultivo. Pero non sempre sería así, porque eu ben sei que a natureza é irregular e cambiante, e as plantas múrchanse cando lles chega o tempo. Por iso na plantación tería cabida algún invernadoiro, para enganar as estacións.
Preto da zona cultivada, habería unha ou varias naves, onde se gardarían os apeiros e a maquinaria precisa.
Tamén existirían leiras sen cultivar adicadas á gandeiría: unhas cantas vacas, con bois e outras tantas ovellas e galiñas, cando menos.
Pero este é o meu imaxinario.
As únicas plantacións que poida coñecer en Galicia deste tipo, son as rexentadas por rapaces novos e que, aventureiramente, se deciden por intentar vivir deste xeito nalgún punto indetermidado. Pero as explotacións deste tipo parecen casos aillados que non animan a outros rapaces en idade de traballar a decidirse polo tema agrícola. Parecen máis ben propias de nostálxicos. Por que?
A un mariñeiro armador ou maquinista dos que había non hai moito tempo por aquí pareceríalle un despropósito ter que cultivar cebolas e allos, porque asociarían labranza con miseria.
Será un prexuízo de quen non sabe ou será unha realidade?
Por que non houbo tanto desenvolvemento económico no interior de Galicia como na costa?
É un problema de minifundio?
É cuestión de falta de formación neste eido?
Podería, nun momento dado, a agricultura en Galicia competir coa pesca no PIB?
Teño oído que en Francia hai xente que tén terreos cultivados desta maneira e son os ricos da vila. Eu créoo, pero ata que o vexa non o corroboro, tal é a miña ignorancia do mundo labrego e das súas condicións de traballo e dignidade persoal, económica e cultural, así como das realidades doutros países e comunidades.
Supoño que os labregos deses países serán máis respectados como gremio ca os que cultivan sen saber o qué, para quén e cómo. Vender no mercado da vila máis próxima será só unha das opcións de comercialización, imaxino. Venderán por Internet ou acudirán os clientes á plantación directamente e elixirán os produtos que máis lles gusten como disque sucede en Noruega, que pagan á saída o que traen despois de recolectar eles mesmos?
Utopías.
Supoño que, nestas circunstancias, tamén terán unha biblioteca na casa, sexa pequena ou grande. Tampouco é preciso ler todos os días a Nietzsche para ter biblioteca, nin ter mans de violinista para abrir un libro.
Porque se os labregos tivesen biblioteca... qué non deberían ter os avogados, médicos, mestres ou os propios alcaldes!
O meu alcalde terá biblioteca?



No hay comentarios:

Publicar un comentario